Site icon Crónica3.com A Mariña

A A.VV. das Casas Baratas de Burela recolleu máis dun milleiro de fotos do barrio para unha exposición

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA ASISTIU Á INAUGURACIÓN DA MOSTRA FOTOGRÁFICA SOBRE AS CASAS BARATAS DE BURELA

A Área de Cultura da Deputación colaborou coa asociación de veciños deste barrio burelao na organización da mostra fotográfica

O delegado de Cultura da Deputación afirmou que “consideramos que o apoio ao asociacionismo lucense ten que ser un dos obxectivos primordiais da Deputación”

BURELA, 24 de marzo de 2011. Esta tardiña, o delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu na Casa da Cultura de Burela, acompañado por Neves Cando, concelleira de Cultura de Burela á inauguración da exposición de fotos antigas de Burela que organizan os propios membros da asociación de veciños das Casas Baratas, coa colaboración dos veciños e veciñas do barrio e co apoio económico da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

O delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, amosouse moi satisfeito por visitar a mostra, que se expón por segunda vez, e felicitou aos veciños e veciñas deste barrio burelao polo seu traballo “xa que iniciativas desinteresadas coma esta contribúen a recuperar unha parte da memoria a través da compilación de documentos gráficos e, ao mesmo tempo, son proxectos que teñen unha clara vertente social que favorece enormemente a cohesión entre os membros dunha comunidade”. Ademais, segundo indicou Veiga, “consideramos que o apoio a este tipo de asociacións lucenses ten que ser un dos obxectivos da Deputación e así o plantexamos estes 4 anos de goberno”. Porque, tal como argumentou Veiga “apoiando o tecido asociativo, como podemos ver neste marabilloso exemplo, estamos contribuído a dinamizar social e culturalmente o país, valéndonos das persoas que realmente teñen unha implicación co territorio”.

A A.V. de Casas Baratas foi compilando as fotografías que os restantes veciños e veciñas aportaron, até que chegaron a xuntar máis de mil imaxes que permiten recompoñer como foi desde hai anos a vida cotiá de ducias de persoas que residiron ou aínda residen no barrio. A colección fotográfica reflicte o quefacer diario, o traballo e acontecementos sociais propios das épocas. A iniciativa de recuperación destas imaxes que puxo en marcha a AA.VV. Casas Baratas contempla tamén a edición de DVDs para que cadaquén poida levar a mostra á súa casa e tamén elaboraron un álbum no que aparecen distintas xeracións dun barrio con 102 familias onde residen preto de 300 persoas.

Exit mobile version