Site icon Crónica3.com A Mariña

A campaña turística de 2011 da Deputación de Lugo arrancará o venres con Luis Tosar

Nota de prensa
A Deputación arranca o venres a campaña turística de 2011 cun acto aberto ó público que protagonizará Luis Tosar

– O actor será o encargado de dar a saída ó Autobús Turístico que promocionará a provincia no exterior cun percorrido por 16 cidades do norte de España

– No acto, que se celebrará ás 12.00 horas no Salón Rexo do Círculo das Artes, o organismo provincial repartirá postais de Tosar na praia ribadense das Catedrais, que o intérprete firmará ós asistentes que así o queiran

A campaña turística da Deputación de Lugo para o ano 2011 arrancará este venres cun acto aberto ó público que protagonizará o recoñecido actor Luis Tosar, a imaxe das accións promocionais. A cita será ás 12:00 horas, no Salón Rexo do Círculo das Artes da capital, e contará coa presenza do Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buxán. O prolífico intérprete, natural de Cospeito, dará a saída ó Autobús Turístico que, baixo o lema “Lugo Terra, de todo natural”, difundirá os atractivos da provincia no exterior cun percorrido por 16 cidades do norte de España que se desenvolverá ata finais do mes de abril.

O organismo provincial convida a tódolos lucenses ó acto, no que repartirá postais coa imaxe de Tosar na praia ribadense das Catedrais, un dos numerosos materiais informativos e de promoción que o autobús distribuirá na súa xira. Os asistentes que así o desexen terán a oportunidade de que o actor lles firme a postal.

A convocatoria consistirá polo demais na presentación oficial da campaña turística deseñada pola Deputación para este 2011 e, seguidamente, Luis Tosar dará, nos exteriores do Círculo das Artes, a saída ó vehículo turístico da Deputación. Iniciará entón un percorrido que o levará por Xixón, Santander, Bilbao, Zaragoza, Barcelona, Madrid, Valladolid, León e Zamora, ademais de polas sete grandes cidades galegas. En cada unha das localizacións, nas que permanecerá unha media de dous días, dúas guías ofrecerán ós visitantes todo tipo de información turística relacionada coa provincia.

Exit mobile version