Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Benestar Social de Burela denuncia os recortes da Xunta nas axudas ás persoas maiores e discapacitadas

A concelleira de Benestar Social de Burela denuncia os recortes das axudas da Xunta para as persoas maiores e discapacitadas
NEVES CANDO DENUNCIA OS RECORTES EFECTUADOS POLA XUNTA NAS AXUDAS ÁS PERSOAS MAIORES E DISCAPACITADAS PARA REALIZAR ADAPTACIÓNS NOS SEUS FOGARES OU PARA ADQUISICIÓN DE PRODUTOS DE APOIO DE ASEO, ALIMENTACIÓN OU MOBILIDADE.

Burela, 1 de marzo de 2011. A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, denuncia os recortes efectuados pola Xunta nas axudas ás persoas maiores e discapacitadas para realizar, por exemplo, adaptacións nos seus fogares ou para a adquisición de produtos de apoio de aseo, alimentación ou mobilidade.

A edil nacionalista sinalou que “o Diario Oficial de Galicia de onte, 28 de febreiro, ven de publicar a orde que regula a concesión de axudas individuais para prótesis dentais e audífonos, para adaptacións no fogar e eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén axuda técnica ou produtos de apoio para persoas en situación de dependencia, recoñecida e valorada con grao 3 nos niveis 1 e 2 ou grao 2 niveis tamén 1 e 2, ou que tivesen solicitado esta valoración antes desta convocatoria. Hai un prazo de dous meses a partires de hoxe para presentar estas solicitudes”.

Neves Cando dixo que “ante esta convocatoria queremos desde a Delegación de Benestar Social de Burela denunciar o recorte que supón esta convocatoria, porque por primeira vez exclúe a outros colectivos que ata este ano podían solicitar este tipo de axuda. Ata o ano pasado tamén podían optar a estas axudas para audífonos e prótesis, axudas para adaptar as casas á situación de mobilidade reducida ou produtos de apoio de aseo, alimentación ou mobilidade, as persoas de 65 ou máis anos e os menores de 65 anos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Pois ben, este ano a Xunta do PP sácalles a estas persoas a posibilidade de solicitar estas axudas, os maiores de 65 anos e as persoas con discapacidade non poderán solicitar no 2011 estas axudas porque non veñen contempladas nesta orde do DOG de onte”.

A concelleira de Benestar Social pregúntase “si isto é un erro ou despiste ou é outro dos moitos recortes sociais que nos ten preparados a Xunta e que deixa a un colectivo importante sen esta axuda, moitas veces vital para o desenvolvemento da súa vida cotiá. Primeiro foron os recortes nas axudas para os libros dos nosos estudantes, despois os recortes en prestacións sanitarias coas listas de espera de máis de 6 meses para probas preferentes e as derivacións a Lugo si queres que te operen ou ter incluso que volver a nacer na estrada como hai 30 anos. E despois tamén viñeron os retrasos e recortes na valoración da dependencia, desde comezos do ano pasado non se deron novas prestacións económicas para coidadores nas valoracións de dependencia e agora tócalle o turno aos nosos maiores e discapacitados que se quedan sen estas axudas para adaptar as súas casas ou a súa vida cotiá ás necesidades da idade ou da súa discapacidade”.

Exit mobile version