Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira do Mar clausurou as XI xornadas técnicas sobre o ourizo en San Ciprián

Nota de prensa

A conselleira do Mar clausurou as XI xornadas técnicas sobre o ourizo en San Ciprián

ROSA QUINTANA DESTACA OS LABORES DE RECUPERACIÓN DO OURIZO DA MARIÑA COMO EXEMPLO DE EQUILIBRIO SOCIAL, ECONÓMICO E AMBIENTAL

* A titular de Mar salientou que este proxecto permitirá a posibilidade de engadir aos 71 postos de traballo de marisqueo a pé, entre Ribadeo e Ortigueira, novos permisos de explotación

Cervo (Lugo), 26 de marzo de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este mediodía en San Ciprián, Cervo, os labores de recuperación do ourizo da Mariña como exemplo de equilibrio social, económico e ambiental. Fíxoo durante a súa intervención na clausura das XI xornadas técnicas sobre o ourizo enmarcadas XX edición da festa que o concello dedica a esta especie. A titular de Mar salientou que este proxecto permitirá a posibilidade de engadir aos 71 postos de traballo de marisqueo a pé, entre Ribadeo e Ortigueira, novos permisos de explotación e engadiu que este ano na zona da Mariña propóñense 15 novos permex o para o marisqueo a pé.

A titular de Mar salientou a potencialidade que ten o plan de rexeneración do ourizo desta zona para “afianzar e exemplificar” a aposta da Consellería do Mar de “dar dinamismo” ás zonas marisqueiras que perderon a súa capacidade produtiva. Tamén recoñeceu o traballo conxunto e coordinado da triple hélice -administración, científicos e sector- neste cometido. O labor das confrarías de Ribadeo, Burela, San Cibrao, Celeiro, O Vicedo, Espasante e da Asociación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros, do CIMA de Ribadeo e da xefatura territorial da Consellería do Mar, permite, segundo incidiu a conselleira, “prever a xeración de capacidade de creación de emprego”.

Segundo subliñou a conselleira, a recuperación da capacidade de extracción, debe mudar o panorama negativo ao que se someteu ao marisqueo nesta área en anos anteriores. De feito, nos últimos cinco anos , a extracción desta especie entre Espasante e Ribadeo, descendeu nun 50% no marisqueo a pé. Neste sentido, Rosa Quintana subliñou que este plan de recuperación busca “recuperar a potencialidade do ourizo” e traer melloras na xeración de ingresos económicos e no incremento das vendas. En relación ao eido medioambiental, a responsable de Mar valorou o traballo e a responsabilidade dos profesionais na procura da recuperación do ourizo para promover que a extracción do recurso se realice de xeito acorde coa capacidade natural que ten para rexenerarse.

Outras das virtudes que contempla este proxecto e que citou a conselleira, é a consolidación da maioría de idade do sector e da súa capacidade de exercer unha “gobernanza ou cogobernanza da súa actividade”. Estes aspectos, segundo lembrou, veñen reflectidos na proposta que Galicia achegou á Comisión Europea para a reforma da Política Pesqueira Común.

Por último, a conselleira agradeceu ao concello de Cervo, á organización da festa do ourizo, aos hostaleiros e aos seus colaboradores a continuidade do seu labor para seguir recuperando a ilusión polo mar.

Exit mobile version