Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta participou nun acto con motivo da Día da Muller en Burela

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS PON EN MARCHA UN ‘BOOKCROSSING’ DE LIBROS CON TEMÁTICA FEMININA ENTRE AS ASOCIACIÓNS DE MULLERES DA MARIÑA

* O acto da solta de libros, enmarcado no programa organizado pola Delegación Territorial de Lugo con motivo da celebración neste mes do Día da Muller, foi completado cunha xuntanza na que se expuxeron as distintas liñas de axudas que a Xunta ten dispostas en materia de Igualdade e para colectivos femininos

Burela, 22 de marzo de 2011.- A delegada territorial, Raquel Arias, puxo en marcha hoxe na Mariña un bookcrossing de libros con temática feminina e, na súa maioría, coa firma de escritoras de sona, entre asociacións de mulleres da comarca costeira de Lugo.

Nunha reunión que tivo lugar na Casa do Mar de Burela e á que asistiu unha nutrida representación de colectivos do ámbito feminino na comarca, Arias pediu ás representantes de asociacións que, como parte activa desta iniciativa, leven libros para, unha vez lidos, soltalos en lugares públicos e facilitar que outras persoas poidan disfrutar dos mesmos. “Queremos que a palabra das mulleres chegue o máis lonxe posible a mulleres e homes, e farémolo grazas ao impulso de todas”, destacou.

Arias destacou que nesta iniciativa colaboran todas as consellerías a través das súas respectivas xefaturas territoriais en Lugo, o que serve como exemplo “de que a promoción da igualdade é unha materia de carácter transversal para a Xunta de Galicia”, segundo indicou.

Esta actividade de cruce de libros suporá a posta en circulación de case 150 libros que contan historias de mulleres: Novelas, biografías ou investigacións que arroxan luz sobre diversos aspectos da historia e das circunstancias das mulleres.

O acto da solta de libros, que forma parte do programa organizado pola Delegación Territorial de Lugo con motivo da celebración neste mes de marzo do Día da Muller, foi complementado cunha xuntanza-debate, na que, entre outros temas, abordáronse as distintas liñas de axudas que a Xunta ten dispostas en materia de Igualdade e para colectivos femininos.

Como parte do foro de debate, as asistentes visionaron o documental Mulleres XX, que toma o título do cromosoma feminino. Raquel Arias aludiu na introdución do vídeo ao seu “carácter inspirador, xa que nos anima a seguir conquistando profesións nas que aínda hoxe a presenza da muller é mínima”. Ao respecto, referiuse ás numerosas ocupacións con subrepresentación feminina na contratación que existen aínda no sector industrial.

A peza documental amosa o camiño percorrido polas primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, as primeiras redeiras, as mestras, as lavandeiras, as médicas, ou as xornalistas.

Trátase dun traballo realizado con testemuñas e valoracións de mulleres, algunhas coñecidas e outras anónimas, tanto sobre a súa experiencia persoal como sobre o estatus alcanzado en xeral pola muller en determinados oficios tradicionalmente considerados masculinos.

Exit mobile version