NOTA DE PRENSA
RAQUEL ARIAS SINALA QUE OS NOVOS PARQUES DE BOMBEIROS CUBRIRÁN AS EMERXENCIAS NA TOTALIDADE DO TERRITORIO DA MARIÑA
* Durante a inauguración das instalacións de Barreiros, a delegada territorial destacou a dimensión da actuación desenvolvida polo Consorcio Provincial, que representa un investimento de 9,5 millóns de euros
Barreiros, 17 de marzo de 2011.- A delegada territorial, Raquel Arias, destacou que a totalidade do territorio da Mariña quedará cuberta fronte a posibles emerxencias coa posta en marcha dos novos parques de bombeiros, xestionados polo Consorcio provincial que integran a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial.
A delegada realizou estas declaracións durante a inauguración das instalacións do parque de Barreiros que, xunto co de Viveiro, “marcará un novo tempo na Mariña no que a emerxencias se refire”, afirmou, ao procurar “un servizo profesional e moderno dotado con infraestruturas e medios materiais axeitados para atender, con rapidez de resposta e eficiencia, continxencias de toda índole”.
Así, explicou que coa incorporación dos cinco novos parques de bombeiros do Consorcio, “preto do 90% da poboación de Lugo, e do 70% do territorio, ten asegurada unha cobertura dilixente e eficaz diante de calquera emerxencia”.
No caso da Mariña, engadiu, “o incremento da seguridade resulta evidente, xa que queda cuberta a totalidade do territorio, 1.326 quilómetros cadrados, e da poboación, 74.192 veciños e veciñas”.
A delegada lembrou que o actual Goberno da Xunta reactivou as negociacións coa Deputación provincial para a posta en marcha da rede de parques na provincia. Este proxecto, subliñou, “representa un esforzo cuantificable, de 9,5 millóns de euros”, e “involucra a 120 traballadores, que neste momento están recibindo a formación axeitada”.
Arias incidiu na envergadura da iniciativa e na promoción da colaboración administrativa para levar adiante este tipo de actuacións que redundan no progreso de Lugo. “Sacando adiante o proxecto da rede de parques de bombeiros superamos unha carencia inaceptable nunha provincia que aspira a contar cos mellores e máis completos servizos”, asegurou.
Por último, a delegada fixo referencia “ao gran traballo que veñen desenvolvendo en situacións de emerxencia os membros dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir), dando mostras da súa responsabilidade e entrega”.
Os Grumir, que se sosteñen basicamente grazas ás achegas económicas da Consellería de Traballo e Benestar a través dos programas de cooperación cos concellos, “seguirán prestando unha colaboración fundamental”, afirmou.
Na inauguración das novas instalacións de Barreiros participou tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, así como o alcalde da localidade, Alfonso Fuente, e o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entre outros.