Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aumenta máis do 30% o investimento nos concellos de menos de 5 mil habitantes

Nota de prensa

A Deputación aumenta máis do 30% o investimento nos 54 Concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes

– A Xunta de Goberno aproba o Plan de Pequenas Infraestruturas de 2011 co que o organismo provincial executará preto de 60 obras por valor de 1,5 M€

– Esta foi unha iniciativa que puxo en marcha o actual equipo de goberno en 2008, polo que dende este ano, a Deputación investiu 3,7 millóns na realización de 200 actuacións

– O organismo provincial, ante a falta de resposta da Xunta -administración con competencias na materia- prestará asesoramento ós Concellos en labores de control e medición de ruídos

– Con esta nova medida de cooperación, a Deputación aforrará cartos ás entidades locais, evitándolles ter que contratar este servizo a unha empresa externa

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres o Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes de 2011 co que o organismo provincial executará obras nos 54 municipios, que se atopan dentro deste grupo, por valor de máis de 1,5 millóns de euros. Neste anualidade, o Plan experimenta un incremento de máis do 30% con respecto a 2010, data na que a aportación do organismo provincial foi de 800.000 euros. Deste xeito, a aportación da Deputación deste ano é de 1.042.307 euros, o 67,87% do orzamento total e, a dos Concellos, o 32,12% restante: 493.297 euros.

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, explicou que este ano son 13 municipios máis os que se benefician desta iniciativa, xa que nas anualidades anteriores estes quedaban excluídos porque recibían outros investimentos a través do canon. “Esta foi unha iniciativa que puxo en marcha o actual equipo de goberno en 2008 e o resultado foi moi satisfactorio porque todos os Concellos menos poboados e, por tanto, os que teñen menos recursos, son perceptores destas axudas”. Deste xeito, grazas a este Plan, cando remate o mandato, o organismo provincial terá executadas 200 actuacións para as que destinou 3,7 millóns e os Concellos 1,6 millóns.

Este ano executaranse 59 obras, e cada Concello recibe ata un máximo de 19.500 euros por cada actuación. “Trátase dunha actuación realmente importante, xa que supón unha inxección de cartos para os Concellos que nestes momentos están a ter grandes dificultades económicas. Grazas á aportación da Deputación poden aumentar o seu investimento en obra pública, xa que do contrario moitas das actuacións que se acollen a esta iniciativa non as poderían levar a cabo”.

Nova liña de cooperación e de aforrro para os Concellos

Antonio Gato tamén anunciou que a Deputación está desenvolvendo unha nova medida de cooperación cos Concellos “coa que cumpliremos a petición dos veciños e seguirémolles aforrarando cartos en gasto corrente ás entidades locais”. Neste senso, explicou que, ante a pasividade da Xunta, na Área de Asistencia ós Municipios son moitas as solicitudes rexistradas para que a Deputación preste colaboración técnica en labores de control e medición de ruídos e vibración emitidos por distintas actividades molestas, insalubres ou perigosas. Co obxectivo de ampliar e mellorar os servizos neste eido, a Xunta de Goberno aprobou a elaboración dun estudo para a medición e evolución das emisións acústicas. Neste senso, Antonio Gato subliñou que, neste asunto, o organismo provincial tamén suple ó goberno autonómico, que é a administración con competencias directas na materia, tal e como indica a Lei 7 de 1997 de Protección contra a Contaminación. “Na actualidade, son moitos os Concellos que non dispoñen deste servizo parte por falta de recursos, polo que recurren á axuda da Deputación, xa que a administración autonómica no está a facer nada. Con esta medida intensificaremos a cooperación municipal, polo que estou convencido que neste asunto tamén lle seguiremos marcando a axenda política ó señor Feijóo”.

A través desta iniciativa, a Deputación aforrará cartos ós Concellos e ós propios veciños, xa que se as entidades locais quixesen levar a cabo unha actuación semellante terían que encargar o proxecto a unha empresa externa que, por cada medición, lles cobraría 1.000 euros. Para os veciños, que dispoñen de negocios de hostalería como bares ou pub tamén é un tema de extraordiaria importancia, xa que as sancións no caso de incumprimento da lexislación vixente poden chegar ata os 60.000 euros e incluso poden conlevar a clausura do propio local. Nas vindeiras semanas os Concellos recibirán a ordenanza tipo da Deputación para que sexa aprobada polas respectivas corporacións locais, e que determinará os novos pasos a seguir polo organismo provincial.

Reasignación dos traballadores de Lourenzá

Tal e como anunciou o Presidente da Deputación na recepción deste martes ós sete seleccionados do Lugo Emprega de Lourenzá, a Xunta de Goberno aprobou a súa reasignación debido a que o Alcalde rexeitou a súa contratación. O pasado venres, logo de acordar a rescisión do convenio de adhesión ó programa, os técnicos de Recursos Humanos enviaron un escrito ós municipios de Barreiros, Trabada, Foz, Mondoñedo e Riotorto para que, no prazo de dous días, comunicasen a súa decisión sobre a posible aceptación dos beneficiarios. Destes, todos confirmaron a súa admisión, agás os dous Concellos gobernados polo Partido Popular, Trabada e Barreiros, quenes rexeitaron a oferta da Deputación, producíndose unha situación única e de absoluta discriminación con estas persoas que, legalmente, conseguiron un traballo grazas á iniciativa do organismo provincial.

Tendo en conta esta situación, a distribución, para a que se seguiron os mesmos criterios que foron empregados para a elaboración do Plan -proporcionalidade e o número de habitantes- queda do seguinte xeito: 4 para Foz, 2 Mondoñedo e 1 en Riotorto.

Outros acordos da Xunta de Goberno

A Deputación executará novas obras en 5 Concellos da provincia por valor de 816.706 euros. Na sesión de hoxe, contratouse o subministro e instalación de bombas para impulsión de augas residuais nas Parroquias de Cangas e Pontevella, en Foz: 89.051 euros. Asimesmo, dentro do canon, en Portomarín adxudicáronse a pavimentación e dotación de servizos na travesía de Lugo e o acondicionamento do acceso a Seixón e Sabadelle por valor de 138.382 euros; en Pobra de Brollón, aprobouse o acondicionamento do acceso en Abrente, A Pobra, Pinel e pavillón polideportivo (55.684 euros) e, en Ribas de Sil, o acondicionamento da casa da Cultura de San Clodio, que ten un investimento de 200.648 euros.

Dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública adxudicouse por importe de 332.941 euros o acondicionamento e dotación de servizos nas rúas Samuel e Barrancón, en Becerreá, e a mellora de infraestruturas viarias en Monforte de Lemos. Tamén se deu o visto e prace a 5 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2010. Suman 72.206 euros, dos que a Deputación achega 41.463. Pertencen ós Concellos de Antas de Ulla (2), Láncara (2) e Burela.

A Xunta de Goberno tamén aprobou as subvencións excepcionais de 115.270 e 40.000 euros ós Concello de Meira e Viveiro para acometer a sinalización da zona rural do municipio da Terra Chá e para o financiamento dos gastos derivados da celebración da Semana Santa de Viveiro.

Exit mobile version