Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ensina a empresarios e emprendedores estratexias de márketing a través das TIC

Nota de prensa

A Deputación mostra nunhas xornadas a empresarios e emprendedores estratexias de márketing a través das TIC

– Unhas 80 persoas participaron no foro, organizado polo centro Innova Empresa no marco da Semana do Emprendemento, que promove a Rede Mercurio

– A Deputada de Economía, Regina Polín, inaugurou o congreso, no que deron unha conferencia Daniel Cerqueiro e Manuel Pan, xerentes de dúas firmas especializadas na comunicación en Internet

O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu este mércores as xornadas “Emprender, marketing e social media”, organizadas polo centro Innova Empresa do organismo provincial no marco da Semana do Emprendemento, que promove a Rede Mercurio. Esta entidade, formada por diversas institucións, naceu no ano 2009 co obxectivo de favorecer iniciativas emprendedoras e traballar a favor da consolidación do tecido empresarial lucense. A Deputada de Economía, Regina Polín, inaugurou as xornadas, nas que se mostrou ós máis de 80 empresarios e emprendedores participantes as estratexias de comunicación e mercadotecnia que permiten as Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) e a necesidade de utilizalas para melloralas posibilidades de futuro dun proxecto emprendedor. Tamén se expuxeron casos prácticos nos que se usaron con éxito esas novas formas de comunicación.

Tralo acto inaugural, Daniel Cerqueiro, xerente de “Galinus, Taller de Novos Medios”, e Manuel Pan, director de “Abertal”, dúas empresas especializadas na comunicación en Internet, ofreceron un relatorio. A clausura correu a cargo do director de Fondos Europeos do organismo provincial, José Enrique Rodríguez Coello.

Estas xornadas forman parte do programa de actividades formativas que organiza o centro asesoramento empresarial Innova Empresa, sobre todo encamiñadas a concienciar a emprendedores e empresarios sobre a necesidade e vantaxes de incorporar as novas tecnoloxías ó seu modelo de negocio.

Un servizo pioneiro

Innova Empresa é un servizo pioneiro en Lugo que nace no marco do proxecto tecnolóxico Innova-TE coa vocación de fomentala creación de emprego, mellorala competitividade e produtividade das empresas e impulsar iniciativas emprendedoras mediante o uso das TIC. Este é o primeiro centro da provincia en ofrecer un asesoramento integral a emprendedores, empresarios e artesáns, de maneira que estes poderán contar con apoio personalizado durante todo o proceso para a posta en marcha de calquera proxecto e tamén formular todo tipo de dúbidas en relación coa súa actividade.

A súa carteira de servizos divídese en: asesoramento tecnolóxico a empresas e Pemes, asesoramento para a creación de empresas (axudas públicas, financiamento, fiscalidade, contratación laboral…), información sobre os instrumentos e os programas de financiamento pública de I+D+i e asesoramento para artesáns. O horario de atención presencial e por teléfono (982.250.010) é de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. Tamén se pode contactar a través de correo electrónico, na dirección: innova-empresa@deputacionlugo.org Conta así mesmo cunha páxina web: www.innova-empresa.es

A elaboración da Guía TIC foi unha das primeiras actuacións de Innova Empresa. Esta publicación dixital, tamén dispoñible no portal do centro de asesoramento, está destinada a fomentar e facilitar o uso das novas tecnoloxías entre os empresarios e serve de pulo ás firmas do sector ó poder ofrecer e promocionar nela os seus produtos e servizos. Os interesados en figurar na guía poden contactar co centro. Polo momento, hai 89 firmas adheridas.

Exit mobile version