Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación formará traballadores e xestores locais para garantir a legalidade do proceso do 22-M

Nota de prensa

A Deputación formará ós traballadores e xestores locais para garantir a legalidade do proceso electoral do 22-M

– Soengas e Roel presentan a xornada “Elección e Constitución das Corporación Locais. O Rexistro de Intereses” que acollerá o Salón de Actos do Pazo provincial o 24 de marzo

– Trátase dunha convocatoria pioneira na provincia, na que se abordarán as modificacións da Lei Orgánica de Réxime Local da man de Enrique Acubilla, Letrado das Cortes Xerais

– 70 persoas formularon a súa inscrición á espera de que mañá remate o prazo de solicitude

– A Deputación porá en marcha unha novidosa guía electoral práctica durante o proceso electoral á que poderán acceder os traballadores das administracións locais mediante a Rede

Os Deputados das Áreas de Cooperación cos Concellos e de Persoal, Antonio Gato Soengas e Melchor Roel respectivamente, presentaron este mércores a xornada “Elección e Constitución das Corporacións Locais. O Rexistro de Intereses” que acollerá o Salón de Actos do Pazo de San Marcos o vindeiro 24 de marzo, dende ás 10:00 horas e ata ás 14:00 horas. Trátase da dunha convocatoria pioneira na provincia, dirixida ó persoal das administracións lucenses, que persegue garantir a legalidade dos procesos electorais de cara ó 22 de marzo, mediante a formación dos traballadores e xestores locais.

Soengas e Roel explicaron que ó persoal dos Concellos asumen as funcións de delegados das Xuntas Electorais de Zona, converténdose en parte responsable no bo funcionamento do proceso electoral. Ademais, para algúns a vindeira cita coas urnas será a primeira nas súas vidas profesionais. A maiores, a modificación da Lei Orgánica de Réxime Local acentúa a necesidade desta formación tanto para os funcionarios como para os alcaldables que precisan coñecer a xestión das competencias municipais durante o proceso electoral. Por exemplo, a nova normativa establece que non se pode contratar espazos de publicidade electoral nos medios de comunicación de titularidade pública nin nas emisoras de televisión privada. O gasto das candidaturas en pancartas e bandoleiras non poderá exceder o 20%, (anteriormente era o 25%) do límite de gastos previsto segundo o proceso electoral de que se trate.

Deste xeito, os Deputados salientaron que as áreas de Cooperación cos Concellos e de Persoal “suman esforzos na celebración desta pioneira xornada na provincia”, que dotará ós traballadores e xestores locais dos coñecementos e ferramentas necesarias de cara a respostar dúbidas como: poden os gobernos locais facer inauguracións ou presentación de proxectos dende a convocatoria das eleccións ou dende o comezo da campaña?; ata cando e que tipo de publicidade poden facer os grupos políticos?; como poden rexistrarse as candidaturas independentes?; cal é o réxime de incompatibilidades dos alcaldables?; ou como se facilita a consulta do censo electoral por internet?.

Todas as cuestións que se produzan serán resoltas por Enrique Acubilla, ponente convidado para a xornada, letrado das Cortes Xerais, e un dos maiores expertos en dereito electoral do país.

70 persoas inscritas

Dende a publicación no Boletín Oficial da Provincia da celebración de Elección e Constitución das Corporacións Locais. O Rexistro de Intereses” a semana pasada, 70 persoas xa se inscribiron. Todos os interesados poderán anotarse ata mañá, 17 de marzo. Para elo, deberán descargar da páxina web www.deputacionlugo.org o formulario de inscrición, e logo remitilo ó correo formacion@deputacionlugo.org ou a dirección postal Rúa San Marcos 8, 27001 Lugo; ou ben presentalo de forma presencial no rexistro xeral da Deputación.

Contido da xornada

Para garantir a máxima legalidade do proceso electoral, farase unha análise xurídica do proceso electoral, dende a convocatoria á constitución das novas corporacións locais. Para elo, abordara o Réxime Xurídico da Administración electoral; examinaranse as fases do procedemento electoral con especial enfoque nas actuacións levadas a cabo polos funcionarios; estableceranse as relacións entre as distintas administracións que interveñan no proceso electoral; e avaliaranse as liñas necesarias para a axeitada constitución das corporacións locais.

O programa da xornada desglósase da seguinte maneira: 1.- A Administración Electoral, organización e funcionamento das Xuntas Electorais e as súas competencias. O dereito de sufraxio activo e pasivo. O cento electoral; 2.-Fases do proxecto electoral. Convocatoria. Representantes. As candidaturas presentadas polas entidades políticas. Especialidades das agrupacións de electores; 3.-A campaña electoral. A intervencións dos Concellos nesta. Día da votación. Votación persoal e por correo. Escrutinio e proclamación de electos; 4.-As mesas electorais. Designación. O sorteo. As súas funcións. O papel dos Concellos; 5.-A constitución do Concello. A Mesa de Idade. A elección do Alcalde. Recomendacións; 6.-Pautas para unha óptima preparación das eleccións.

Guía electoral práctica

Antonio Gato salientou que esta xornada “é unha iniciativa máis de cooperación cos Concellos da provincia”. Neste senso, adiantou que o organismo provincial está a traballar na posta en marcha dunha guía electoral práctica que poderán empregar os traballadores das administracións lucenses durante o proceso electoral. Trátase dunha ferramenta informática que, a partires do 24 de marzo, estará activa na web www.deputacionlugo.org, concretamente na área de cooperación cos Concellos. O persoal municipal poderá acceder mediante nome de usuario e clave a este espazo onde, de xeito sinxelo, didáctico, e claro se abordan todas as cuestións que poidan xurdir na preparación, convocatoria e desenvolvemento do proceso electoral do 22-M.

O Deputado explicou que esta pioneira ferramenta informática na provincia actualizarase puntualmente ante calquera modificación das normativas electorais. Deste xeito, incorpora varios links nos que se pode acceder a unha enciclopedia electoral que resolve as dúbidas sobre conceptos e fases do proceso; ó código electoral que inclúe a selección da normativa reguladora dos procesos electorais (Europeo, Estatal, Autonómico e Local); ós informes e acordos da Xunta Electoral Central recopilados, ordenados e organizados por materiais; á xurisprudencia electoral, etc.

Exit mobile version