A Deputación iniciará na 2ª quincena de abril as primeiras obras do Centro de Recría, dotadas con 6 M€
– Os traballos, financiados ó 100% con fondos propios, teñen un prazo de 9 meses e inclúen 13 naves que albergarán as 3.000 novillas
– O Presidente denuncia publicamente que non se puidesen comezar antes os traballos debido a que administración autonómica bloqueou máis dun ano a declaración de impacto medioambiental, “polo que esta Xunta saelle moi cara á provincia de Lugo”
– O Partido Popular mantivo durante os 24 anos que estivo no goberno unhas instalacións ilegais, xa que nin estaban recoñecidas como explotación nin tiñan licenza de actividade
– O Centro permitirá ós gandeiros ser máis competitivos, asegurar a continuidade das explotacións e aforrará unha media de 300 euros por novilla o custe que supón recriar en centros externos
– Díaz Valiño lamenta que a Xunta “despois de retirarnos o psiquiátrico, causando un importante agravio ó Concello non foi capaz de axilizar outro proxecto non menos importante”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Deputado de Gandeiría, José María Arias, e o Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, anunciaron este luns que na segunda quincena de abril iniciaranse as obras do Centro de Recría que o organismo provincial construirá na Granxa Gayoso Castro, situada no municipio chairego. Deste xeito, tendo en conta a magnitude do proxecto e de que se trata do primeiro centro público destas características de España, a Deputación dividiu a licitación das obras en dúas fases. Precisamente, o Consello Reitor do INLUDES aprobou hoxe a dotación presupostaria para o comezo inmediato dos primeiros traballos, que será ratificada mañá polo Pleno provincial.
As obras teñen un investimento de 6 millóns de euros, financiados ó 100% con fondos propios, e un prazo de execución de 9 meses. Gómez Besteiro destacou que “o leite é para Lugo o que é para Vigo a Citröen. Sempre dixen que iamos facer o Centro de Recría de Gando si ou si porque é unha necesidade fundamental para esta provincia”. Neste senso, titular provincial denunciou publicamente que a administración autonómica non fose capaz de poñer nin un só euro para a construción do proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo nas últimas décadas na Comunidade ó triplicar a capacidade dos 14 existentes, e que retrasase máis dun ano a concesión da declaración de impacto medioambiental. “Nunca manifestou en absoluto o seu interese por este proxecto que é punteiro, único e priortiario para os gandeiros. Por este motivo, non se entende nin é fácil de explicar como non é importante para a Xunta o mundo da recría. Esta provincia é sobre todo campo. Esta é a realidade de Lugo. Ó non apoiar iniciativas coma esta, destinadas ó futuro, á provincia sáelle cara a Xunta de Galicia”.
O Alcalde de Castro de Rei agradeceu a colaboración da Deputación “porque entre o pasado sábado e o luns estamos poñendo o broche de ouro a unha lexislatura moi importante en Castro de Rei que vai xerar riqueza no futuro para o noso Concello. O Centro vainos converter no municipio de referencia en Galicia no sector gandeiro, ó que tamén contribuirá o congreso europeo que acollerá Castro de Rei o 28 e o 29 de abril, sendo a primeira vez que se celebra na Comunidade”. A este respecto, Díaz Valiño sinalou que “non podo dicir o mesmo doutras administracións. Xa non é que non se apuntaran ó Centro de Recría senón que o estiveron boicoteando, incluso despois de retirarnos o psiquiátrico, causando un importante agravio ó Concello. Non foron capaces de solucionar este problema que crearon tratando de axilizar outro proxecto non menos importante”.
Calendario das obras
Actuarase na totalidade da superficie que ocupará o centro: 7 hectáreas, ou o que é o mesmo, o equivalente a 5 campos de fútbol xuntos. Deste xeito, comezarase polo movemento de terras e desbroce, así como pola limpeza e reparación de parte dos edificios existentes. “Sabemos que estamos nun momento económico difícil polo que, cando encargamos o proxecto, puxemos unha condición: aproveitar en todo o posible a granxa actual para abaratar custes. Non desperdiciar os 4.000 metros cadrados actuais e construír os restantes”, engadiu Besteiro.
A continuación, construiranse as 13 naves que acollerán as 3.000 novillas que entrarán no centro, ocupando unha extensión de 25.000 metros cadrados. En paralelo a este proceso, instalarase o saneamento, abastecemento de auga e servizo eléctrico. E, finalmente dentro desta partida orzamentaria, trasladarase ós terreos da Granxa, situados ó outro lado da estrada, o invernadoiro no que os alumnos das titulacións relacionadas coa horticultura e xardiñeiría do Instituto de Castro de Rei realizan prácticas. Concluídas esas obras, na segunda adxudicación contrataranse os traballos de urbanización, dotación interior das naves e estación depuradora para a xestión do 100% dos residuos.
Beneficios para os gandeiros
Segundo o INE, Lugo ten máis de 16.700 explotacións, o 35,4% de Galicia. Os gandeiros da provincia producen máis de 1.000 millóns de litros, é dicir, o 45% de toda a Comunidade e, aproximadamente, o 25% de cota láctea española. Con respecto ó leite ecolóxico, só 8 explotacións gandeiras e empresas relacionadas nunha cooperativa luguesa producen a metade deste produto en Galicia. Este produtores tamén contan co apoio da Deputación.
A posta en marcha os Centro de Recría ten claras vantaxas para os gandeiros, tal e como explicou Gómez Besteiro. Permitiralles ser moito máis competitivos, obtendo animais co máximo nivel produtivo e xenético. Asimesmo, contribuirá a aforrar custes nas súas explotacións, abaratando en 300 euros o gasto que supón recriar cada novilla en centros externos como o de Zaragoza, no que este servizo ronda os 1.500 euros por cabeza. E, finalmente, asegurará a continuidade das explotacións gandeiras de Lugo, mantendo non só os postos de traballo senón fixando poboación no rural.
Instalacións ilegais e parálise da Xunta
O Deputado de Gandeiría, José María Arias, amosou a súa satisfacción polo acordo do Consello Reitor do INLUDES porque “dende que chegamos ó goberno non fixemos máis que solucionar en silencio os problemas que herdamos do anterior goberno e o bloqueo que nos puxo a actual Xunta de Galicia para poder iniciar as obras”.
1º problema: A Granxa Gayoso Castro iniciou a súa actividade no ano 1.942 e nunca cumpriu os obxectivos para a que foi creada: tarefas de investigación no sector primario, recuperación das razas autóctonas ou programas de mellora xenética.
2º: As instalacións non estaban recoñecidas como explotación gandeira nin tiñan licenza de actividade. “Eso por deixadez. Algo ó que os gandeiros se ven obrigados a facer cando teñen unha explotación, tal e como obriga a lei. Pero aquí non se preocupou ninguén de que unha granxa pública coma esta tivese a respectiva licenza”.
3º problema: A Xunta de Galicia bloqueou máis dun ano a declaración de impacto medioambiental, documento indispensable para poder iniciar as obras. Os pasos dados pola Deputación foron os seguintes:
O 23 de xullo de 2009, o INLUDES, comeza a tramitación ambiental para a construción do Centro de Recría. Naquel momento, pedíuselle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que informase de todas as cuestións que se tiñan que ter en conta para que o proxecto cumprise todas as obrigas medioambientais que estipula a lei. Coñecidos os condicionantes, procedeuse á redacción do Estudo de Impacto Ambiental para que a Xunta concedese a DIA . Dito estudo entregouse no Concello de Castro de Rei o 23 de decembro de 2009. A entidade local remitiuno á Consellería de Medio Ambiente o 14 de xaneiro de 2010.
Dende esta última data e despois de reclamarlle en varias ocasións a axilización nos prazos, a Xunta bloqueou durante máis dun ano, ata o 17 de xaneiro de 2011, a viabilidade ambiental do proxecto, impedindo que se puidesen comezar as obras. A día de hoxe, todo está remitido ós diversos organismos.