Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación oferta 30 bolsas de emprego no sector da innovación a titulados lucenses en paro

Nota de prensa

Gómez Besteiro presenta as primeiras 30 bolsas de emprego no sector da innovación da provincia

– Están dirixidas a titulados lucenses en paro, e ofertan 6 meses de traballo remunerado desenvolvendo proxectos tecnolóxicos en entidades sen ánimo de lucro que contarán cun novo servizo sen custe algún

– O prazo de inscrición abrirase do 4 ó 14 de abril. Os interesados deberán descargar o formulario da web www.deputacionlugo.org, e presentar a documentación no Pazo provincial

– Os 6 colectivos beneficiados son: CETAL, AJE, as asociacións de Empresarias de Lugo e a Empresarial de Industria de Transformación do Polígono CEAO, así como os Campus de Coruña e Santiago

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves as primeiras bolsas de emprego no sector da innovación da provincia. Trátase dunha iniciativa impulsada dende o 1º Centro de Innovación Social de Galicia –“In Lugo”- promovido polo organismo provincial, e cofinanciado polo Ministerio de Industria nun 88,9% mediante o Plan Avanza. Gómez Besteiro, que presentou esta iniciativa nas instalación do “In Lugo” situadas na Escola de Imaxe e Son da capital, explicou que son 30 becas remuneradas, dirixidas a titulados lucenses desempregados, que ofertan 6 meses de emprego en entidades sen ánimo de lucro que desexan desenvolver novos proxectos tecnolóxicos para potenciar a súa actividade. Deste xeito, ó tempo que se dá traballo a persoas que actualmente se atopan en paro, os colectivos participantes contarán, sen custe algún, cun novo servizo. “O que nos une a todos é sacar a canta máis xente das listas do paro. Se ó empresario lle van ben, a nós tamén”, destacou o Presidente.

As primeiras bolsas de emprego no sector da innovación da provincia, engádense as becas Lug02 mediante as cales 18 mozos lucenses están xa a traballar en prestixiosas empresas de Hamburgo, Praga, Belfast, Florencia, Viena e Lisboa nas que se empregan innovadoras técnicas medioambientais. Unha vez que rematen o período de formación nestas entidades, os rapaces terán a oportunidade de poñer en práctica o aprendido en empresas lucenses durante 8 meses, nos que percibirán un salario mensual de 1.000 euros. Da mesma forma, tamén se convocaron as primeiras 5 bolsas de artesanía e deseño de Lugo dotadas con 12.000 euros cada unha, que se resolverán nos vindeiros días.

Requisitos e prazos

Os interesados nunha destas bolsas de innovación deberán cumprir os seguintes requisitos: estar empadroado nalgún dos Concellos de Lugo; estar licenciado, diplomado ou posuír formación profesional –FP- relacionada coas actividades a desenvolver; ademais de estar en paro, e non gozar doutra beca ou axuda neste momento.

O prazo de solicitude abrirase o vindeiro día 4 de abril e ata o 14 deste mesmo mes. Para formular a inscrición só é preciso descargar o formulario da páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org. Neste mesmo espazo, poderán consultarse ademais as bases que recollen toda a información sobre o concurso unha que, nos vindeiros días, saían publicadas no Boletín Oficial da Provincia. A documentación requirida para as becas deberá entregarse, no prazo establecido, no Rexistro Xeral da Deputación.

Para a elección dos beneficiados, avaliarase o expediente académico, a experiencia profesional, e a memoria do proxecto a desenvolver. Esta parte puntuarase cun máximo de 7 puntos. A entrevista persoal, que se realizará posteriormente, contará un máximo de 3 puntos. Os seleccionados, obterán traballo durante 6 meses, e recibirán 800 euros mensuais.

Seis colectivos beneficiados

O Presidente asinou esta mañá os convenios de colaboración cos 6 colectivos sen ánimo de lucro que, gratuitamente, contarán cun novo servizo en materia de novas tecnoloxías para impulsar a súa actividade. Trátanse de:

– Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, CETAL: o proxecto a desenvolver neste colectivo consiste na identificación das necesidades tecnolóxicas e de produtos innovadores no sector agroalimentario da provincia, ademais da transferencia desta información ós traballadores neste campo.

– Asociacións de Jóvenes Empresarios –AJE-, de Empresarias de Lugo, e Empresarial de Industria de Transformación del Polígono do CEAO: formación especializada ós empresarios para coñecer as necesidades das entidades en materia de innovación, e facilitar ó cambio de cultura nos procesos empresariais.

-Universidades de Santiago de Compostela. Aula TIC: elaboración dunha guía de boas prácticas no emprego da Administración electrónica dirixida ós cidadáns e as entidades sen ánimo de lucro.

-Universidade da Coruña. CITIC: creación de produtos e servizos informáticos dirixidos á empresa.

Na sinatura dos convenios estivo: Eduardo Vidal, Presidente de CETAL; Javier Vázquez, Vicepresidente de AJE; Beatriz Varela, Presidenta da Asociación de Empresarias de Lugo; Lara Valín, representante da Asociación Empresarial de Industria de Transformación del Polígono o CEAO; e Alicia Outeiral, responsable de proxectos e calidade da Universidade da Coruña.CITIC.

In Lugo

As primeiras bolsas de emprego no sector da innovación na provincia enmárcanse dentro do seguintes obxectivos marcados co In Lugo: fomentar o aprendizaxe, o intercambio de experiencias, a especialización profesional, o aumento das posibilidades de inserción laboral e o desenvolvemento das iniciativas innovadoras dos emprendedores; xerar medidas que incorporen as vantaxes das novas tecnoloxías a sectores como menos posibilidades económicas tales como a pequena empresa; potenciar a implicación das organizacións na consecución de proxectos tecnolóxicos; así como promover sinerxias e redes de coñecemento que favorezan o intercambio de ideas entre distintos axentes.

Segundo as bases técnicas do In Lugo, o obxectivo do 1º Centro de Innovación Social de Galicia é eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, achegando as TIC -sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos-, para fomentar o envellecemento activo, impedindo o illamento dos veciños da provincia. Para elo, ademais destas bolsas, estanse a celebrar diversas actividades totalmente gratuítas e dirixidas a todos os públicos, como obradoiros, cursos e seminarios, tanto nas súas instalacións, como polo resto da provincia ó contar con equipos itinerantes.

Exit mobile version