Site icon Crónica3.com A Mariña

A mesa da violencia de xénero do Concello de Burela elaborará un protocolo de coordinación municipal

Nota de prensa

NA VINDEIRA XUNTANZA DA MESA TÉCNICA DA VIOLENCIA DE XÉNERO DO CONCELLO DE BURELA SERÁ ELABORADO O PROTOCOLO DE COORDINACIÓN MUNICIPAL, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR NEVES CANDO.

Burela, 11 de marzo de 2011. Na vindeira xuntanza da mesa técnica da violencia de xénero do Concello de Burela será elaborado o protocolo de coordinación municipal, segundo ven de anunciar a concelleira de Benestar Social, Neves Cando.

A edil nacionalista explicou que “onte tivo lugar no salón de plenos unha nova xuntanza da mesa técnica de coordinación de violencia de xénero do Concello de Burela. De dita mesa forman parte, ademáis dos corpos e forzas de seguridade tanto nacional, como autonómica e local, representantes dos sectores sanitarios do Hospital da Costa e do centro de saúde, dos centros educativos do noso pobo e dos servizos sociais e do CIM de Burela”.

Neves Cando sinalou que “despois da primeira reunión de constitución que mantivemos a finais do ano pasado agora tratábase de analizar distintos protocolos de actuación coordinada, que xa están a funcionar noutros concellos de Galicia, para sentar as bases do protocolo que pretendemos implantar en Burela”. No encontro de onte analizaron “o protocolo de intervención en casos de violencia doméstica e violencia de xénero detectados nos centros educativos, tanto en evidencias como en sospeitas de malos tratos con respecto ao alumnado e a mulleres. E completamos un organigrama de intervencións e derivacións cara os servizos sociais municipais. Tamén fixemos o mesmo de cara á situación real de atoparnos directamente coa víctima desta violencia e os pasos a seguir no seu tratamento hospitalario, si fose preciso, e o seu tratamento xudicial”.

A concelleira de Benestar Social engadiu que “pola súa parte os servizos sanitarios aportarán para a vindeira reunión as posibilidades de adaptación dos seus propios protocolos internos de cara a intervencións externas dos servizos sociais municipais ou os servizos se seguridade local. Tamén desde o Concello traballaremos nunha proposta de actuación coordinada cos distintos axentes implicados municipalmente, Policía Local, CIM e os servizos sociais”. Neves Cando dixo que “con todas estas actuacións sectoriais, por separado e despois unificadas nun organigrama municipal completo, para a próxima xuntanza desta mesa técnica elaboraremos xa o noso propio protocolo de coordinación municipal” e contou que “tamén se tratou neste encontro de onte a posibilidade de que os centros de ensino de Burela soliciten, ademáis das actividades que lles ofrecemos desde os nosos servizos sociais e do CIM, as actividades educativas do plan director para a convivencia e mellora da seguridade escolar, que levan a cabo os corpos e forzas de seguridade do Estado”.

Exit mobile version