Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anuncia 240 mil euros para sinalizar puntos turisticos da Mariña e pregunta cales interesa destacar

NOTA DE PRENSA

A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ 240.000 EUROS NUN PROXECTO DE SINALIZACIÓN DOS PUNTOS DE INTERESE TURÍSTICO DA COMARCA DA MARIÑA

* A delegada territorial reuniuse cos presidentes da Mancomunidade de Municipios e da Asociación para o Desenvolvemento do Turismo na Mariña e solicitoulles colaboración para recabar información sobre os lugares que interesa destacar
* Raquel Arias explicou que a Xunta apoiou con máis de 1,2 millóns de euros proxectos de hostalería e restauración que viñeron a completar a oferta turística da zona

Cervo, 17 de marzo de 2010.- A delegada territorial, Raquel Arias, comunicou hoxe que a Consellería de Cultura e Turismo investirá 240.000 euros nun proxecto de sinalización dos puntos de interese turístico da Mariña.

Raquel Arias mantivo unha xuntanza co presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfonso Fuente Parga, e co presidente da Asociación para o Desenvolvemento do Turismo na Mariña, Alfonso Villares, para pedir a colaboración de ambos organismos neste proxecto. Na reunión participaron tamén o xefe territorial de Cultura e Turismo, José Carlos Rodríguez Andina, e a concelleira de Cervo Yolanda Pedreira.

A delegada explicou que será preciso contar coas ideas que acheguen concellos, asociacións e colectivos dos diversos municipios da Mariña para determinar os puntos e os recursos turísticos que deben ser sinalizados.

Na súa cualidade de alcaldes de Barreiro e Cervo respectivamente, Alfonso Fuente e Alfonso Villares comprometéronse a iniciar os traballos nos seus propios concellos, ademais de trasladar a iniciativa ás demais localidades da Mariña.

Raquel Arias subliñou que esta actuación enmárcase dentro do Plan de competitividade turística da Mariña presentado o pasado mes de xaneiro na feira de turismo Fitur, e representa un paso máis no traballo de dinamización turística que a Xunta de Galicia está a levar nesta área.

A Secretaría Xeral para o Turismo confirmou a partida orzamentaria que se investirá na sinalización dos puntos de interese mariñaos e está a piques de concretar os formatos que se utilizarán, que serán homoxéneos en toda a comunidade autónoma. A continuación, comunicará a todos os concellos galegos a necesidade de recompilar a relación de recursos destacables en cada municipio.

Arias explicou que coa xuntanza de esta mañá “pretendemos gañar tempo, poñendo en marcha o proxecto para poder contar canto antes cun informe preciso dos lugares sobre os que hai que actuar”.

Incrementar e desestacionalizar o turismo

A delegada territorial incidiu en que A Mariña lucense é un destino turístico primordial dentro de Galicia “e dende o Goberno da Xunta traballamos para incrementar a repercusión promocional e socioeconómica do turismo na zona”. Destacou o importante labor que se leva feito, elaborando o plan estratéxico, e insistiu na necesidade de conseguir máis ingresos do turismo así como a súa desestacionalización.

Para elo, afirmou, “precisamos crear produtos turísticos atractivos, completar e mellorar a oferta existente”. Ao respecto, explicou que a Consellería de Cultura e Turismo promove a ampliación da oferta de hostalería e restauración, que resulta fundamental na percepción que reciben e transmiten os turistas que nos visitan.

Segundo explicou a delegada, o Goberno galego leva investidos nos dous últimos anos 1.280.000 euros en subvencionar proxectos que viñeron a completar a oferta hoteleira e de restauración da Mariña, en concreto catro hoteis –en Foz, O Vicedo, e dous en Viveiro-, un restaurante e un centro de talasoterapia.

Exit mobile version