Nota de prensa
CULTURA E TURISMO DESTINARÁ 315.000 EUROS PARA A REALIZACIÓN DAS OBRAS DE CONSOLIDACIÓN E ACONDICIONAMENTO DA FORTALEZA DE TOVAR, NO CONCELLO DE LOURENZÁ
*
O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o concello lucense para o acondicionamento das cubertas e muros, a mellora das medidas de seguridade e as actuacións máis urxentes que permitirán a realización de visitas e o uso público da Fortaleza de Tovar
O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lourenzá para a realización das obras de consolidación e acondicionamento do Pazo Fortaleza de Tovar. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo destinará 315.000 euros, repartidos en tres anualidades, para a posta en valor deste ben de interese cultural.
A Fortaleza de Tovar foi construída en 1530 e está situada na parroquia de San Tomé de Lourenzá, no Concello de Lourenzá. Na actualidade, o seu estado de conservación determina a necesidade de acometer obras urxentes que impidan a continua deterioración do monumento, e acondicionen os espazos máis representativos para a súa visita e uso público. As actuacións que levará a cabo a Consellería de Cultura e Turismo na Fortaleza de Tovar consisten principalmente na desmontaxe e almacenamento de material de cubrición para a súa reutilización; a rehabilitación dos sistemas estruturais de madeira de cuberta e forxados intermedios; e a consolidación e reparación en muros con retirada de vexetación. Asemade, tamén se realizarán a instalación eléctrica e iluminación básica; labores de carpintarías e reparacións en fiestras e portas e se acondicionará o contorno.
A Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lourenzá deseñarán un itinerario para as visitas públicas á Fortaleza que, en todo caso, deberá determinarse en función das posibilidades e a seguridade do propio inmoble e excluíndo aquelas dependencias ligadas de xeito exclusivo ao uso e funcionamento interno. O obxectivo desta actuación é garantir que o Pazo de Tovar poida ser visitado con normalidade e difundir a súa singularidade e riqueza arquitectónica, contribuíndo ademais á dinamización cultural e turística da comarca.
A Fortaleza de Tovar foi declarada ben de interese cultural en 1949, coa categoría de monumento, pola súa natureza de castelo e edificación fortificada. Data da primeira metade do século XVI e foi levantada por Don Antonio de Tovar, home de confianza do emperador Carlos V, no mesmo lugar onde se situaba a Torre de Canedo do século XIII. Trátase dunha xoia do gótico isabelino e dun ben de interese cultural que se atopa moi preto do Camiño de Santiago (Camiño do Norte). A súa posta en valor enriquecerá aínda máis esta ruta xacobea