Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta oferta cursos gartuítos para o fomento das novas tecnoloxías en 89 concellos

Nota de prensa

O programa formativo chegará a preto de 12.000 usuarios e comprende tres áreas: a alfabetización dixital, a formación multimedia e audiovisual e a formación avanzada para microempresas e autónomos, profesionais das TIC e empregados públicos

A XUNTA PLASMA A SÚA APOSTA POLO FOMENTO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS CUN PLAN DE FORMACIÓN 2011 QUE OFRECE MÁIS DE 1.000 CURSOS GRATUÍTOS EN 89 CONCELLOS GALEGOS

* Os cursos terán modalidades presencial e online e desenvolveranse nas 94 aulas que integran a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia
* A Rede Cemit ten como obxectivo facilitar o acceso igualitario dos cidadáns á formación dixital

Santiago, 4 de marzo 2011.- A Xunta de Galicia pon en marcha o Plan de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT), que recolle unha oferta de máis de 1.000 cursos gratuítos que se impartirán en 89 concellos. Este programa, que chegará a ao redor de 12.000 usuarios mediante formación presencial e online, constitúe a plasmación da aposta do Goberno galego polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre a poboación, tanto entre os colectivos máis afectados pola fenda dixital como entre os profesionais e o ámbito empresarial.

O Plan de Formación 2011 impartirá nas 94 aulas que compoñen a Rede CeMIT un programa dividido en tres áreas: a alfabetización dixital, a formación multimedia e audiovisual e a formación avanzada para os profesionais galegos das TIC, microempresas e autónomos e traballadores da Administración pública. Ao longo do ano o plan impartirá ao redor de 10.000 horas de formación.

A primeira área de cursos está dirixida aos sectores da poboación con máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías. Esta alfabetización dixital repartirase en 11 categorías temáticas distintas: acceso a internet, orientación laboral, redes sociais, comercio e banca, ocio e servizos en rede, equipamento TIC, ofimática, seguridade, deseño gráfico e administración electrónica.

Nun segundo nivel o Plan ocuparase da dinamización dos sectores da poboación relacionados coas tecnoloxías multimedia e audiovisual. Os interesados poderán participar en cursos de marketing social, xestión de contidos, streaming de audio e vídeo ou aprender a crear videoxogos e desenvolver webs para móbiles desde as aulas da Rede CeMIT. Estes cursos, que terán varias edicións, combinarán a modalidade presencial e a online e a súa metodoloxía permitirá chegar a 7 localidades simultaneamente en cada edición, cunha participación estimada de 500 alumnos por semana.

Destinada a microempresas e autónomos, a terceira área do Plan de Formación desenvolverá formación sobre o uso de ferramentas tecnolóxicas que axuden a mellorar a xestión empresarial. Así, realizaranse cursos sobre a busca de traballadores en internet, recomendacións para contratar unha páxina web de empresa, o emprego de follas de cálculo, comercio electrónico e a realización de copias de seguridade.

Pola súa banda, os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados, contarán cunha formación avanzada de carácter técnico a través do Centro Galego de Novas Tecnoloxías e repartida en seis categorías: administración de sistemas operativos, dirección de proxectos, bases de datos, programación, deseño gráfico e seguridade.

Nesta mesma área, pero orientada ao colectivo dos empregados públicos, o Plan inclúe o catálogo de cursos específicos para capacitalos no uso das ferramentas TIC e da Administración electrónica.

Para a realización de actividades do Plan de Formación 2011 da Rede CeMIT todas as aulas están dotadas de equipamento básico como ordenadores, conexión a Internet, wifi, impresoras, escáneres, webcam, proxectores, lectores de DNI electrónico, etc. Ademais, unha gran parte delas dispón de equipamento avanzado, composto por un sistema de videoconferencia e por equipos audiovisuais e multimedia que permiten realizar as actividades en formato presencial e telepresencial.

Entidades colaboradoras e servizos da Rede CeMIT

Xunto cos 1.000 cursos impulsados pola Xunta de Galicia, o Plan de Formación 2011 prevé a adhesión de entidades colaboradoras, que poderán empregar as instalacións da Rede CeMIT para a difusión dos seus propios proxectos en materia de novas tecnoloxías ou para desenvolver actividades formativas propias.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT prevé desenvolver campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charla e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contarán co servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Red Cemit

Coa presentación deste Plan arranca a actividade da Rede Cemit, que inicia a súa andaina este ano para promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Na actualidade son 89 concellos adheridos que ofrecen 94 aulas de acceso público ás novas tecnoloxías para cumprir os obxectivos da Rede CeMIT, dos cales 53 asinaron o protocolo de adhesión que lles posibilita a contratación dun axente TIC que impulsará as actividades no centro definidas no Plan de Formación. O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles non enlace http://cemit.xunta.es.

Exit mobile version