Site icon Crónica3.com A Mariña

Alédase o BNG de Barreiros de que as escolas habaneras de San Miguel pasen a titularidade municipal

Nota de prensa:
O BNG TILDA DE BOA NOVA QUE AS ESCOLAS HABANERAS DE SAN MIGUEL PASEN A SER DE TITULARIDADE MUNICIPAL. OS NACIONALISTAS SUBLIÑAN QUE AGORA DEPUTACIÓN E CONCELLO PODERÁN ASINAR UN CONVENIO PARA PROCEDER Á SÚA RESTAURACIÓN. O PROXECTO ESTÁ LISTO NA INSTITUCIÓN PROVINCIAL DESDE PRINCIPIOS DE 2010.

Barreiros, 16 de marzo de 2011. O BNG tilda de boa nova para Barreiros a resolución da titularidade das escolas habaneras de San Miguel de Reinante. No pleno celebrado o pasado luns acordóuse que formen parte do inventario de bens do Concello. O portavoz nacionalista Antonio Veiga subliña que agora Deputación e Concello poderán asinar un convenio para proceder á súa restauración, algo imposible ata este momento. O proxecto está listo na institución provincial desde principios do pasado ano.

Veiga Outeiro dixo que “desde o BNG felicitámonos de que por fin, despois de bastante tempo, se resolva o problema da titularidade das escolas habaneras de San Miguel de Reinante. Tal e como se acordou por unanimidade no último pleno da Corporación Municipal vanse incluir no inventario de bens do Concello de Barreiros, en virtude dunha cesión que fai a asociación benéfico cultural Hijos de San Miguel y Reinante, que son os que din ter a propiedade dos edificios, tanto de Reinante como de San Miguel”. Os nacionalistas engaden que “entón eles fan unha cesión ao Concello para que poida metelo no inventario de bens e para que poida recibir unha subvención para a súa remodelación. Desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo xa desde hai dous anos hai unha reserva feita de 100.000 de euros para empezar co arranxo destas escolas, pero non se podía formalizar ese convenio porque non había titular e obviamente para dar unha subvención ten que haber un titular”.

Desde o BNG lamentan que “isto non se solucionara antes. Ese acordo plenario xa ía preparado desde días antes porque a asociación de veciños de San Miguel reuniu xunto coa directiva ao delegado de Cultura da Deputacion e ao propio alcalde, porque o BNG sempre tivo en mente e levou no seu programa electoral a recuperación dun edificio singular como son as escolas habaneras de San Miguel de Reinante, que son das máis grandes que existen na zona. Barreiros é un dos concellos onde máis construccións indianas existen e sería unha magoa que este edificio non se reparara”.

Edificio de singularidade notoria

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Barreiros sinala que “nós sempre criticamos que ningunha institución votara man a este edificio, que é dunha singularidade notoria e terá que seguir servindo para eses fins que aqueles que no 1908 consistituiron a sociedade e na segunda década do seculo XX remataron este precioso edificio, que era para a educación e cultura de todos os fillos de San Miguel. Nese acordo plenario adxuntouse un acordo tomado polo asamblea da asociación de veciños, na que dixeron que o sentimento era unánime de que prevalecera o interés en restaurar o edificio a calqueoutro e que o Concello nin calqueroutro organismo non poderán vender nin alugar a longo prazo o edificio nin os terreos sobre os que se atopa e que no momento que o Concello decline a súa titularidade que ista sexa cedida a algunha das asociacións do concello ou que sirva para ese fins primixenios que estableceran xa os fundadores da Sociedade Hijos de San Miguel y Reinante, hai xa mais de cen anos”.

Antonio Veiga manifesta que “é unha boa noticia para Barreiros, que non está sobrado de noticias boas nos últimos tempos. Faise xustiza con aqueles fillos de San Miguel e Reinante, con aqueles mariñáns que se marcharon hai máis de cen anos e que froito do seu traballao ainda hoxe gozamos dunhas instalacións que forman parte do noso patrimonio. Desde o BNG lamentamos que o plan xeral de ordenación municipal de Barreiros non estea feito dende hai tempo, porque entonces estaría protexido o entorno deste singular edificio e non tería mamotretos arredor como ocurriu. Non respectaron en ningún momento un edificio que é dunha estética e beleza impresionante e incluso se destrozaron totalmente os accesos”.

Desde o grupo municipal do BNG anuncian que “agora, unha vez inventariado, poderanse iniciar xestións entre Deputación e Concello para formalizar esa primeira achega e incluso con outras institucións que poden intervir para financiar este proxecto que ten redactado a Deputación desde principios do 2010”.

Contas

Por outra banda, o voceiro do BNG tamén se referiu ás contas de Barreiros que “non nos cadran, dicir isto non é nada atrevido senón que é o pan de cada día de todos istes anos. Viñéronse facendo previsións sen moito rigor e por iso liquidación tras liquidación vemos que hai uns grandes desfases entre o que se prevía ingresar e o que realmente se ingresa. Nós sempre o dixemos, ou non hai o diñeiro ou se deixan de prestar servizos, porque ti si presupostas e despois non hai esa cantidade algún servizo deixas sen facer. Os peores anos nos que se atopa a rede viaria local son istes, por iso algún servizo se deixa de prestar cando se presuposta ao loco e sen ningún rigor”.

Veiga Outeiro tamén aludiu ao convenio para dotar de servizos ás urbanizacións privadas de Barreiros, “queremos insistir que a quen lle sae caro é aos veciños porque teñen que pagar por algo que por lei tiñan que poñer outros, déanlle as voltas que lle dean desde o PP. Eu creo que teñen que recoñelo porque en política tamén hai que recoñecer cando se mete a gamba e o PP no concello de Barreiros meteu a pata ata o fondo, unha política errada que nos levou á situación na que estamos. Ese 1.200.000 euros desde o ano 2006 non é ningún éxito telo nas arcas municipais, segundo di o señor alcalde, os que tiñan que estar aí eran 3.600.000 euros, que era o convenio para o abastecemento de auga. Todos os grupos lle votamos a favor o 4 de xuño de 2006, pero foi incapaz de recaudar os cartos dos 25 promotores, só recaudou os de 7. Máis difícil será recaudar agora os 7 millóns de euros que ten que recaudar dos promotores na situación na que nos atopamos neste momento”.

Exit mobile version