Site icon Crónica3.com A Mariña

Araceli Novo e Diana María Rodríguez acadaron o VIII premio de investigación Manuel Vázquez Seixas

Nota de prensa

ANTÓN BAO ENTREGOU O VIII PREMIO DE INVESTIGACIÓN MANUEL VÁZQUEZ SEIXAS

O premio foi concedido, ex aequo, a Araceli Novo Celeiro e a Diana María Rodríguez Rodríguez, polos seus traballos sobre os cambios no convento de San Francisco lucense e as escolas habaneiras

O vicepresidente da Deputación falou de que este premio “consolídase como un referente á hora de valorar e promover os traballos de investigación realizados sobre o patrimonio lucense”

LUGO, 30 de marzo de 2011. Esta mañá, o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, acompañado da directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, entregou os premios do VIII edición do premio de investigación Manuel Vázquez Seixas, que este ano foron concedidos ex aequo a Araceli Novo Celeiro, polo seu traballo “Forma e transformación do convento de San Francisco de Lugo”, e a Diana María Rodríguez Rodríguez, autora de “As escolas promovidas pola sociedade de instrución ‘Vivero y su comarca’”. Ademais do recoñecemento honorífico ao traballo realizado, estes premios están dotados cunha asignación económica de 2000 euros, que nesta edición se repartiron entre as dúas galardoadas, e cunha representación en cerámica artesanal do Museo de Lugo.

Antón Bao, na súa intervención, ademais de valorar o traballo de investigación realizado polas dúas galardoadas “que serviu para botar luz sobre aspectos importantes do noso patrimonio cultural e, polo tanto, da nosa identidade como lucenses e galegos”, afirmou que este premio Manuel Vázquez Seijas, na súa oitava edición, “consolídase como un referente á hora de valorar e promover os traballos de investigación realizados sobre o patrimonio lucense”. Antón Bao tamén lembrou que o estudo sobre o convento de San Francisco “chega nun momento especial, cando se están a celebrar os seus 80 anos desde a declaración do claustro deste convento como Ben de Interese Cultural”.

“Forma e transformación do convento de San Francisco de Lugo” é un traballo que afonda nas diferentes modificacións que sufriu o convento de San Francisco até a súa secularización e conversión no actual edificio que alberga o Museo de Lugo, polo que resulta unha ferramenta importante para o coñecemento histórico desde un punto de vista arquitectónico do mesmo. Pola outra banda, “As escolas promovidas pola sociedade de instrución ‘Vivero y su comarca’” constitúe un achegamento ás características estruturais en función do seu uso que tiñan as escolas coñecidas como habaneras ou de indianos, centrándose naquelas construcións feitas desde novo e con investimentos totalmente públicos, que proviñan destas sociedades de emigrados en Cuba.

O VIII Premio de Investigación Manuel Vázquez Seijas é un certame convocado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo a través do Museo Provincial de Lugo. Este certame ten por obxecto fomentar a investigación entre o alumnado universitario galego nas disciplinas de Historia, Arte, Arqueoloxía e Museoloxía, valorándose especialmente os estudos sobre a Rede Museística Provincial e os seus fondos. O Xurado cualificador desta edición do certame estivo formado por D. Antonio Veiga Outeiro, deputado-delegado da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, en representación do Vicepresidente Primeiro da Deputación e en nome propio; D. Fermín Pérez Losada, representante da Universidade de Vigo; D. Pedro García Herradón, Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo da USC; Dª Aurelia Balseiro García, Directora do Museo Provincial de Lugo e D. Fernando Arribas Arias, Técnico de Difusión do Museo de Lugo que, por delegación de D. Faustino Martínez Fernández, Secretario da Deputación de Lugo, actuou como Secretario do certame.

Exit mobile version