As rutas de Km0 dinamizan esta semana a hostalería de O Cebreiro, Samos, Monforte, Cervo e Ribadeo
– Integrantes de seis colectivos da provincia redescubrirán os atractivos paisaxísticos e monumentais destas localidades
– Usuarios da residencia de O Valadouro desprazáronse hoxe ó concello do Cebreiro e integrantes da asociación veciñal Xotramu de Cospeito estiveron en Samos
O Cebreiro, Samos, Monforte, Cervo e Ribadeo son os destinos das saídas previstas esta semana no marco do programa Km0 da Deputación, que contribúe deste xeito a dinamizar a actividade económica destes cinco concellos, sobre todo a do sector hostaleiro, pois os preto de 300 participantes nas rutas farán unha parada en distintos restaurantes para repoñer forzas. Os solicitantes do programa medioambiental son esta vez seis colectivos de diversa índole, pertencentes a O Valadouro, Cospeito, a capital lucense, O Incio, Samos e Monterroso.
Para hoxe estaban previstas dúas viaxes, unha ó municipio do Cebreiro, solicitada pola Residencia Xeriátrica de O Valadouro, e outra a Samos, que pediu a Asociación Veciñal Xotramu de Cospeito. Os dos grupos, de 55 persoas cada un, foron recibidos no salón de actos da Deputación polo Presidente, José Ramón Gómez Beseiro. No caso do colectivo valadourense, a xornada continuou no Centro de Interpretación Terras do Miño para desprazarse despois a O Cebreiro, onde tivo lugar unha comida no restaurante “San Girald de Aullirac”. Os participantes recorreron logo un tramo do Camiño de Santiago e visitaron o Museo Etnográfico das Pallozas, San María la Real, o Monte da Cruz e o albergue. Os veciñoa de Cospeito, trala recepción en San Marcos, coñeceron o Mazo de Santa Comba, comeron no mesón “A Pontenova”, xa en Samos, e achegáronse á capela do Ciprés, o río Oribio e o mosteiro samoense.
Mañá mércores, 24 integrantes da Asociación Auxilia de Lugo viaxarán a Monforte despois de coñecer o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación. Comerán no Parador de Turismo da cidade do Cabe e visitarán o Pazo de Tor e o Museo do Ferrocarril. Por outra banda, 55 membros do colectivo Amigos de Santa Cruz de Vilasouto, de O Incio, estarán en Cervo. O periplo comezará neste caso na Fundación TIC e continuará cunha comida no restaurante cervense “O Almacén”. O grupo desprazarase despois á fábrica de cerámica de Sargadelos, o Paseo dos Namorados e o Real Patronato.
A programación do Km0 desta semana rematará o xoves con percorridos por Ribadeo e Cervo, que realizarán 48 integrantes da Asociación Pensando en Nós de Samos e 55 membros do Club de Petanca de Monterroso, respectivamente. No primeiro caso, está prevista unha visita á olería de Bonxe, un paseo pola praia das Catedrais, as cetáreas de Rinlo, o areal de Os Castros e o aeródromo de Vilaframil. A comida terá lugar no restaurante rinlego “Cofradía”. Pola súa parte, o grupo de Monterroso iniciará a ruta no mazo de Santa Comba, a comida será no restaurante “Boavista” de San Cibrao, e despois haberá unha visita á factoría Alcoa e ó faro e ó castelo sancibrenses.