Site icon Crónica3.com A Mariña

Asturianismo político: hai tradición? (e2)

Aínda que mantendo un discurso internacionalista, o proletariado vai comportarse, en certo xeito, como unha nación nas diversas folgas mineiras dos anos 20 e 30, así como durante a Revolución do 34 e a mesma Guerra Civil. Dela, Asturias vai saír dobremente derrotada: o proletariado, vencido; e a burguesía, suplantada; non lle merecía a suficiente confianza ao réxime franquista fronte a unha clase obreira sometida, pero cun discurso vigoroso. Por suposto, tratarase de novo dunha dereita allea aos costumes do país. Os tempos do “Pachín” foron un inmenso paréntese no que á construción de sinais de identidade propios se refire. Non sufriu unha persecución de carácter represivo, senso stricto, o asturiano. Máis ben fálase de ridiculización sistemática, pois o réxime non vía nel un elemento perigoso como o euskera, o catalán ou o galego. Unha vez que comezaba a pecharse o malfadado paréntese franquista houbo que retomar o asturianismo político.

Nos anos 70 do século XX veremos un nacionalismo asturiano claramente de esquerdas, que abrangue un abano amplo (desde o marxismo ata o anarquismo, pasando polo ecoloxismo e o pacifismo; mesmo os Comités de Acción Revolucionaria chegaron a defender, en 1979, a loita armada). A incidencia electoral do nacionalismo asturiano, en conxunto, será case nula. Xa mencionamos ao “Conceyu Bable”, mais o asturianismo non chegará a ter representación parlamentaria ata que Xuan Xosé Sánchez Vicente (PAS) acada representación na Xunta Xeneral del Principau (ano 1991 ata 1999), e tamén coa creación da URAS, tras unha escisión do PP. Esta formación obtivo tres representantes no parlamento asturiano en 1999, que perdería no 2003.

Na actualidade, a parte destes dous partidos, que poderiamos cualificar como moderados, e agora coaligados en Unión Asturianista, tamén temos que facer referencia ao asturianismo de esquerdas. Así, Andecha Astur foi creada en 1990 a partir de forzas nacionalistas de esquerdas. Nos seus puntos fundamentais vai a “integridade asturiana” (incluíndo terras ao norte de León, Valdeorras e a Liébana cántabra) e tamén a integridade lingüística de Asturias. Así mesmo, temos ao BIA (Bloque de Izquierda Asturiana, que nace como coalición de forzas de esquerda, unha delas escisión de Andecha Astur. Compóñena Izquierda Asturiana (INA), o PCPE-Asturias e independentes. Pola súa banda, o Bloque por Asturias (que se presentou en coalición con IU, pero agora vaise presentar en coalición con UNA) defínese como un partido asturiano, nacionalista e de esquerdas. Outrosí podemos citar a desaparecida Xunta Nacionalista Astur (XNA) e a Lliga Asturiana.

Como conclusión, sostemos que hai tradición histórica, por modesta que sexa, da que tirar para emprender un novo proxecto de corte asturianista e reenganchar cun sentimento ben establecido na comunidade veciña. Queda por ver que o consiga e que esa aposta cristalice nun proxecto asturianista (ben sexa polo éxito maior ou menor que poida acadar, ben pola orientación que lle dean ao mesmo independentemente do éxito que acade). Tamén desde o Eo-Navia cómpre prestar atención ao tratamento da súa especificidade sociolingüística. A presenza de persoas como Pepe El Ferreiro en dito proxecto permite albiscar certas esperanzas. Pero hai que dar tempo ao tempo. En todo caso, e polo que se refire ás posibilidades desta nova formación política, todo indica que o mapa político asturiano non vai ser o mesmo a partir do 22 de maio.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version