Site icon Crónica3.com A Mariña

CC.OO conmemora o 8 de marzo no Concello de Viveiro

Nota de prensa

CCOO CONMEMORA O 8 DE MARZO

A igualdade no emprego como paso previo para obter a equidade nas pensións, de sensibilización para acabar coa violencia de xénero , e os chamamentos para que cesen os conflitos bélicos e abasallamento dos dereitos das mulleres son as demandas nas que centran os actos as CCOO da Mariña.

Viveiro, a 11 de marzo de 2011

Con case o 80% de mulleres desempregadas en Galicia menores de 35 anos, CCOO entende que a Reforma Laboral non xenera emprego, ao contrario, entende que incrementa a precariedade laboral e a temporalidade, aspectos que inciden en maior medida no colectivo feminino e polo tanto segue a manifestar o seu rexeitamento a tal reforma.

Acadar traballos decentes en condicións de equidade é, a xuízo desta central sindical, condición indespensable para configurar unha xubilación aceptable, compromiso polo que CCOO non deixará de loitar.

Asimesmo, a defensa do dereito a vivir en liberdade e con dignidade fai que este sindicato faga un chamamento aos poderes públicos para que arbitren medidas de sensibilidade social que permitan acabar coa violencia de xénero, que a día de hoxe, cobrou 14 víctimas no que vai de ano. O mesmo dereito se reclama fóra das nosas fronteiras, onde moitas mulleres cos seus nenos e nenas se ven obrigados a abandonar o seu país debido a conflitos bélicos coma o que na actualidade se desenvolve en Libia e sen deixar de pensar, ao mesmo tempo na necesidade de que cesen as violacións de nenas e mulleres nos países centro e sudamericanos.

Os actos serán hoxe venres no Concello de Viveiro e iniciaranse ás 19 horas coa lectura de textos relacionados coa muller . A lectura está aberta á participación de todos e todas como lectores e como ointes. Posteriormente mostraremos libros relacionados con diversas temáticas en relación á muller para rematar coa concentración que baixo o lema : Igualdade no emprego, equidade na pensión! se celebrará na praza do mesmo concello.

M A N I F E S T O

IGUALDADE NO EMPEGO, EQUIDADE NAS PENSIÓNS!

A crise económica dos últimos anos convertía ao mundo laboral nunha carreira de fondo e obstáculos para as persoas desempregadas. Galicia soportaba as cifras de paro máis elevadas da historia. O ano 2010 estivo marcado por 121.900 mulleres desempregadas (case o 80%). desigualdade no emprego que se estende á temporalidade e ás diferenzas retributivas.

Dende A Mariña, aproveitamos estas datas para facer fincapé no rexeitamento absoluto á Reforma Laboral aprobada polo goberno, pois, xa se ven demostrando que non xenera emprego, só incrementa a temporalidade e a precariedade laboral.

CCOO quere e impón como principal meta que as mulleres da nosa comunidade e da nosa comarca acaden traballos decentes, en condicións de equidade, o que lles permitirá configurar unha xubilación decente.

Tamén queremos chamar a atención dos poderes públicos acerca da violencia de xénero que sofren as mulleres, 14 víctimas no que vai de ano a día de hoxe, é razón suficiente para reflexionar e buscar entre todas e todos medidas de sensibilización social que a fagan disminuír e rematar.

Non moi lonxe das nosas fronteiras a situación social do xénero feminino ten moito que mellorar. Africa chora e chora polos milleiros de mulleres e nenos e nenas que teñen que deixar seu país debido a conflitos bélicos, iso se non morren antes de facelo. Sabido é que as repercusións das guerras nos colectivos máis vulnerables é importante. Apelamos ao bó facer dos gobernos e que coa participación internacional ou sen ela sexan capaces de abrir camiños de liberdade que non pechen xamais.

As incesantes violacións e mortes de nenas e mulleres en países centro e sudamericanos é algo que non se pode permitir, nin tampouco han de quedar impunes aqueles que provocan semellantes atrocidades. O dereito a vivir e a vivir dignamente é algo que custou conseguir e que baixo ningún concepto estamos dispostos a que nolo arrebaten porque sempre o defendemos e o defenderemos dende CCOO.

Por todo isto, en 2011, as CCOO de A Mariña afrontamos esta conmemoración coa intención de transformala nunha celebración das reivindicacións históricas e actuais das traballadoras mariñanas. Acadar un mundo mellor é o noso obxectivo e o fin e que chegue o día en que non haxa que conmemorar o 8 de marzo , o que quererá dicir, que chegamos a un mundo equitativo e igualitario para todos e todas en todos os aspectos posibles.

GRAZAS

Exit mobile version