Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Ensino denuncia que Educación non cobre unha baixa dende febreiro no IES Monte Castelo

Nota de prensa

A CONSELLERIA DE EDUCACIÓN NON COBRE UNHA BAIXA DENDE FINAIS DE FEBREIRO NO IES MONTE CASTELO

A CIG-ENSINO denuncia que á Consellaría impórtalle máis aforrar que os dereitos e a calidade da educación

Ribadeo, 16 de marzo de 2011.- A CIG-ENSINO ten constancia de que no IES Monte Castelo de Burela están sen cubrir dúas baixas. Unha é unha baixa por paternidade que está colgada na páxina web da Consellería dende o 28 de febreiro, polo que como mínimo, este especialista non se incorporará ata finais de marzo. Outra é unha baixa de quince días da mestra de Pedagoxía Terapeutica.

Na delegación da Conselleria de Educación son coñecedores desta situación, e porén non nomean sustituto a pesar de que hai 76 profesores/as nas listaxes de substitucións da especialidade de francés desocupados esperando a traballar e case 200 na especialidade de “Pedagoxía Terapéutica” na mesma situación.

A CIG-Ensino quer denunciar que están a prevalecer os criterios económicos por riba dos educativos na política educativa da Consellaría de Educación deteriorando claramente a calidade do ensino. O alumnado ve interrompido, días ou semanas, o dereito a recibir a educación que lle corresponde simplemente por aforrar cartos.

Para a CIG-Ensino, parécenos inadmisíbel que se antepoñan criterios económicos ao dereito do alumnado a recibir aulas todos os días lectivos, así como aos profesores que están nas listas de interinidades a poder traballar cando se produce unha vacante, polo que exiximos que a Consellaría nomee inmediatamente os/as substitutos/as que sexan necesarios.

A estas baixas habería que sumar todas as baixas de menos de 15 días nas que a administración ten por costume borralas dos listados sen cubrilas, impedindo a moito profesorado traballar e a moito alumnado aprender.

Desde a CIG-ENSINO preguntamonos se a Conselleria de Educación vai continuar coa política de restricións e aforro a toda costa que iniciou en cursos pasados con respeito ás sustitucións, e se ese é o respeito que ten polo ensino público.

Exit mobile version