Site icon Crónica3.com A Mariña

Desde 12 municipios pódense facer 57 tramites por internet dos 79 previstos no plan sa Diputación

Nota de prensa

Os veciños de 12 municipios poden facer trámites por Internet co programa Innova-TE

– Polo momento teñen á súa disposición 57 procedementos, dos 79 que serán posibles cando conclúa o plan promovido pola Diputación, que resulta totalmente gratuíto para os 50 concellos adheridos

– O reparto de equipos informáticos, entregado xa en 19 concellos, continúa este xoves en Cervo, Burela, O Incio, Samos e A Fonsagrada, e quedará completado o próximo 11 de abril

– Dos entes locais que se sumaron ó Innova-TE, un total de 38 solicitaron a modernización do seu portal web

Os veciños de 12 municipios de Lugo teñen a posibilidade de realizar trámites administrativos a través de Internet co programa Innova-TE, impulsado pola Deputación e cofinanciado pola Unión Europea para implantar a Administración Electrónica na provincia. Os procedementos que están de momento dispoñibles son 57 -dos 79 que serán posibles ó finalizar o proxecto no mes de xullo-, entre eles, solicitudes de alta no subministro de auga potable e rede de sumidoiros, dun posto no mercado, certificado de empadroamento, subvencións para asociacións e colectivos, licenza de vao e de ocupación de vía pública, inscrición en bolsas de traballo, en escolas deportivas, talleres e cursos, garderías ou reserva de voda civil.

Os Concellos que xa arrancaron este novo servizo á cidadanía son: Burela, Foz, Mondoñedo, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Chantada, Taboada, a Pobra do Brollón, Sober, Carballedo e Guitiriz. Nos próximos días farao A Pastoriza.

O programa Innova-TE é totalmente gratuíto para os 50 concellos adheridos, e a través del tamén reciben equipamento tecnolóxico para consolidar o despregue da e-Administración. A distribución comezou a semana pasada en Portomarín e Viveiro e a día de hoxe son 19 os concellos que teñen xa o material. O reparto continúa este xoves en Cervo e Burela, concellos nos que fixo entrega do material a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Mández, e no Incio, Samos e A Fonsagrada. Quedará completado o próximo día 11 de abril.

Coa financiación dun 70% aportada pola UE, a Deputación mercou exactamente aqueles equipos que, segundo unha auditoría previa, eran estritamente necesarios nos Concellos para garantir a implantación total e eficaz da tramitación on line. O material é o seguinte: 136 ordenadores, 102 portátiles, 42 impresoras, 33 servidores e 50 pantallas multimedia de información. A súa compra, distribución e instalación ten un presuposto de 1,4 millóns de euros.

Portais renovados

As entidades locais sumadas ó Innova-TE tamén poden renovar a súa páxina web, con máis accesibilidade e mellor navegación. Nun primeiro momento solicitaron esta opción 32 concellos, pero, tras arrancar os 7 primeiros e ver os bos resultados, outros 6 (Carballedo, O Incio, Pol, Foz, Muras e Triacastela) decidiron beneficiarse desta posibilidade. Deste xeito, a día de hoxe, son 38 os que queren renovar o portal. Deles, 12 xa teñen os traballos concluídos e unha páxina web municipal modernizada.

A diferenza doutros proxectos de Administración Electrónica emprendidos por entidades como a Mancomunidade de Municipios da Mariña ou o Concello de Xove, o programa Innova-TE ofrece ós 50 concellos adheridos, sen que teñan que facer ningún tipo de achega económica, a implantación de 79 trámites on line, pero tamén inclúe un plan de formación dos traballadores municipais, de xeito personalizado e in situ, para adaptarse á e-Administración, e a posta en marcha dunha Intranet corporativa, con diversas ferramentas, así como a dotación de equipamento tecnolóxico e de Internet de banda longa ós consistorios e telecentros co fin de garantir o despregue eficaz e de calidade do servizo.

Exit mobile version