Site icon Crónica3.com A Mariña

Anuncia o alcalde de Cervo que “as obras da praza dos Campos entran na súa recta final”

Nota de prensa:
AS OBRAS DA PRAZA DOS CAMPOS ENTRAN NA SÚA RECTA FINAL

* O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, dixo que os traballos de urbanización deste novo espazo público estarán rematados a vindeira semana

* Unha vez finalizada a urbanizción procederase á plantación de especies arbóreas e á dotación do mobiliario urbano e das zonas infantís e deportivas

Cervo, 19 de marzo de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, indicou hoxe que os traballos de urbanización dos 6.470 metros cadrados da futura Praza dos Campos que se está facer no centro da vila de San Ciprián marchan a bo ritmo. O rexedor lembrou que esta actuación comezou en novembro pasado coas labores de adecuación deste espazo urbano. Posteriormente acometeuse en todo contorno e no subsolo da superficie a renovación das canalizacións de abastecemento de auga, as redes de saneamento de augas pluviais e fecais, o subministro eléctrico e a rede de telefonía. Ademais instaláronse tamén as canalizacións de subministro de gas cidade e de fibra óptica. “Deste xeito conseguimos por unha banda, renovar e dotar este espazo e ás vivendas do contorno de todos os servizos básicos e, doutra, garantimos que a praza estea libre de calquera cableado ou canalización” indicou o rexedor.

Unha vez rematadas as labores de dotación de infraestruturas básicas, os traballos continuaron coa urbanización e pavimentación da praza, “os cales están a piques de rematar” sinalou o alcalde. “Actualmente levase feito máis do 90% da urbanización da zona central da praza. Neste caso decantámonos por unha pavimentación que garanta que a praza non sufra desperfectos, dado que este espazo está pensado para que se poidan celebrar nel eventos públicos coma o mercado semanal, as festas ou outras celebracións, algo que conleva que teñan que acceder a ela vehículos pesados” puntualizou Villares.

PLANTACIÓN DE ÁRBORES

Unha vez finalizados os traballos de urbanización, a seguinte fase será dotar á praza de distintos tipos de árbores e plantas. Estas labores comezarán na vindeira semana e, segundo indicou o alcalde cervense, son variedades especialmente indicadas para esta zona polos especialistas en xardinería. “Trátase de especies cunha gran resistencia á salinidade e ó chan areoso, características propias da zona onde está ubicada a praza” lembrou o alcalde.

Unha vez se acometa a plantación das zonas arboladas só restará a colocación do mobiliario urbano e da instalación dos distintos aparatos e sistemas de seguridade das zonas deportivas e de lecer.

PROXECTO

O orzamento total para levar adiante este proxecto ronda o millón de euros (151.000 para a adecuación dos terreos e 846.546,25 para a urbanización da praza). O Concello de Cervo pretende así crear un novo espazo de lecer e esparexemento para tódolos veciños do municipio, que poderán desenvolver nel distintas actividades de ocio, así como outras ao aire libre como son o mercado semanal e as principais citas festivas. O financiamento dos traballos para a súa construción corren a cargo da Xunta de Galicia que asinou para este obxecto un convenio co Concello.

Deste xeito San Ciprián poderá contar cun novo espazo público na zona máis céntrica da Península da Paz. Con esta actuación veranse multiplicadas as zonas arboradas, as áreas de repouso e o número de prazas para o estacionamento de vehículos.

No proxecto construtivo destacan, pola súa importancia dentro do espazo da futura praza, as áreas destinadas a albergar actividades deportivas (unha cancha de xogo, cos laterais cubertos para evitar a perda de balóns), os espazos para o repouso (con mobiliario elixido con criterios estéticos, ergonómicos e funcionais) e dúas amplas zonas para os xogos infantís, as máis grandes de todo o termo municipal (separadas en función da idade de uso dos diversos aparatos de xogo), co seu perímetro balado e co chan adaptado para maior seguridade dos nenos, rodeada ademais por zonas verdes.

100% PÚBLICO E LIBRE DE EDIFICACIÓNS

O Goberno municipal traballa deste xeito para recuperar a personalidade dun espazo, que será cen por cen público, e cen por cen libre de edificacións, e que foi deseñado para que poida ser aproveitado para o seu uso cultural, deportivo, festivo e social. Ademais a praza dos Campos de San Ciprián disporá de elementos tales como ramplas, rebaixados e accesos amplos, que permitirán salvar os obstáculos arquitectónicos cos que habitualmente se teñen atopado persoas con mobilidade reducida ou discapacitados.

Exit mobile version