Site icon Crónica3.com A Mariña

Educación ten previsto licitar as obras de ampliación e remate do pavillón do CEIP nº1 de Cervo

Nota de prensa

AS OBRAS DE AMPLIACIÓN E REMATE DO PAVILLÓN DO CEIP CERVO Nº1 SAÍÁN A LICITACIÓN A VINDEIRA SEMANA

* Así llo confirmou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, ao rexedor cervense

* As obras terán un orzamento de preto de 548.000 euros e previsiblemente poderán estar en marcha no mes de xuño

* Villares agradeceulle ao conselleiro de Educación as xestións feitas polo seu departamento para poder materializar esta obra, moi demandada polo Goberno local e tamén pola comunidade escolar do centro dende hai case cinco anos, cando se produciu a paralización dos traballos por parte dos anteriores responsables de Educación na Xunta de Galicia e deixando inacabada dita obra.

Cervo, 12 de marzo de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou esta mañá que a Consellería de Educación ten previsto sacar a licitación a vindeira semana as obras de ampliación e remate do pavillón polideportivo do CEIP nº1 de Cervo. Villares fixo este anuncio tras manter un encontro co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad.

A data prevista para a adxudicación das obras é o vindeiro mes de xuño, para que os traballos non interfiran co desenvolvemento normal do curso lectivo. O seu importe inicial é de 547.987,77 euros e o prazo de execución será de 4 meses.

Na reunión, Villares agradeceulle ao conselleiro de Educación as xestións feitas polo seu departamento para poder materializar esta obra, moi demandada polo Goberno local e tamén pola comunidade escolar do centro dende hai case cinco anos, cando se produciu a paralización dos traballos por parte dos anteriores responsables de Educación na Xunta de Galicia e deixando inacabada dita obra. “Con este anuncio e con este compromiso do conselleiro se arranxa un problema xurdido no seu momento de xeito innecesario” sinalou Villares.

O rexedor dixo que agora os alumnos e alumnas deste colexio van ter por fin unha infraestrutura deportiva acorde co resto de instalacións e como eles se merecen. Sinalou que non era tempo de lembrar o acontecido no pasado, se ben precisou que “tampouco estaría de máis” que os responsables socialistas explicaran “que foi o que fixeron cos cartos que lle recortaron incomprensiblemente a esta obra ata deixala á metade do que estaba proxectado e presupostado”. “Sería bo que a xente de Cervo soubera que fixeron os socialistas cando estaban na consellería de Educación con eses cartos que nos escamotearon” recalcou.

Para Villares esta ampliación do pavillón escolar do CEIP Cervo nº1 pon de manifesto a sensibilidade “e o profundo compromiso dos responsables da consellería de Educación” coa educación pública no concello de Cervo “sen escatimar en medios económicos, tecnolóxicos e humanos para ofrecer un ensino de calidade” aos nenos e nenas matriculados nos centros educativos do concello. “Por iso, estou seguro que isto vai redundar aínda máis na calidade do ensino e no bo funcionamento que está a ter este colexio, ao igual que o resto de centros do noso municipio” recalcou.

Por último, Villares desexou que esta liña de colaboración e de diálogo entre o Concello e Educación “continúe sendo igual de fluída e cordial como ven sendo ata o de agora, porque en definitiva, iso redundará no futuro dos nosos nenos e nenas” e emprazou ao conselleiro para que se desprazarse unha vez máis ata este centro unha vez estean rematadas as obras de ampliación do pavillón.

Exit mobile version