Site icon Crónica3.com A Mariña

In Lugo organiza unhas xornadas para mostrar ás empresas como posicionarse nas redes sociais

Nota de prensa

In Lugo organiza unhas xornadas para mostrar ás empresas como posicionarse nas redes sociais

– Están inscritos unha vintena de empresarios e emprendedores, que coñecerán os métodos existentes para incrementar a visibilidade do seu negocio en Internet

– O curso comeza este sábado e continuará os días 2, 9, 16 e 30 de abril, sempre en horario de 10:00 a 14:00 horas

– O centro tamén desenvolverá entre o 28 e o 31 de marzo un curso de ofimática básica, no que os 15 inscritos aprenderán a manexar os programas Word, Excel e Power Point

O Centro de Innovación Social In Lugo iniciará este sábado unhas xornadas dirixidas a empresas e emprendedores que mostrarán como posicionar un negocio nas redes sociais. As 15 prazas dispoñibles nun principio aumentáronse debido ó interese que suscitou o seminario. A día de hoxe están inscritas 20 persoas, pero o prazo segue aberto hasta mañá, polo que os interesados aínda teñen tempo de poñerse en contacto co centro e anotarse. Trala xornada do sábado, a actividade continuará os días 2, 9, 16 e 30 de abril, sempre en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O obxectivo é ensinar dunha maneira eminentemente práctica ós asistentes –empresas, comerciantes, autónomos e emprendedores- as transformacións xeradas polas novas tecnoloxías no ámbito persoal, empresarial e institucional, as novas formas de relacionarse e comunicar en Internet e as ferramentas e estratexias para promocionar e incrementar a visibilidade dun negocio na Rede a través dunha campaña de mercadotecnia on line. Tamén se expoñerán e analizarán experiencias empresariais e exemplos nos que se usan correctamente as novas ferramentas de promoción, e os asistentes crearán e deseñarán a súa propia estratexia de márketing adaptada ó seu modelo de negocio.

No marco do seu programa de actividades, o Centro de Innovación Social (CIS) impartiu o pasado luns e martes un taller de DNI Electrónico, no que participaron 15 persoas, cubríndose a cota de prazas dispoñibles, e hoxe xoves inicia outro no que se darán a coñecer ós dez asistentes, na súa gran parte maiores de 50 anos, as redes sociais de Internet máis populares: Facebook, Tuitter e YouToube. Estas xornadas teñen lugar de 11:00 a 13:00 horas e terminarán mañá.

Por outra banda, a próxima semana, entre o 28 e o 31 de marzo, en horario de 11:00 a 13:00, desenvolverase un taller de ofimática básica que ten as 15 prazas dispoñibles xa cubertas e no que se ensinará a manexar os programas Word, Excel e Power Point.

Liberdade de documentos

O CIS tamén prepara a súa participación no Día da Liberdade dos Documentos, unha celebración de carácter internacional que terá lugar o próximo mércores, 30 de marzo. Durante esta xornada, os lucenses poderán achegarse as instalacións de In Lugo para que lles sexa instalado na súa computadora o programa OpenOffice ou LibreOffice. O Día da Liberdade de Documentos está promovido por organizacións do campo do acceso ó coñecemento, a non discriminación e o Software Libre co obxectivo de chamar a atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que usan os cidadáns en formatos libres e baixo estándares abertos, e promover a adopción de formatos de documentación abertos.

In Lugo é un centro creado pola Deputación de Lugo que se dedica a desenvolver e probar novidosos produtos e servizos baseados nas novas tecnoloxías que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente da terceira idade e dependentes. En España só funcionan iniciativas semellantes en Cataluña e o País Vasco, pero ningunha delas está enfocada ó benestar social, como neste caso. Tamén ofrece actividades de formación, todas gratuítas, co fin de contribuír a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense -ó achegarlle as novas tecnoloxías, sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos-, fomentar o envellecemento activo e impedir o illamento dos veciños da provincia.

Os interesados en tomar parte nas actividades do Centro de Innovación Social (CIS) poden informarse ou inscribirse nas súas instalacións, no edificio da Escola de Imaxe e Son, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org Ademais da modalidade presencial, pódense facer cursos on line. Para elo hai que inscribirse na web.

Exit mobile version