Site icon Crónica3.com A Mariña

Luis Tosar deu a saída á campaña turística da Deputación para promocionar Lugo

Nota de prensa

A campaña turística da Deputación beneficiará a casas rurais, hostaleiros, artesáns e adegueiros da provincia

– O autobús que inicia hoxe unha xira polo norte de España repartirá material informativo aportado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Lugo Sur, Aturmar e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

– Luis Tosar deu este venres a saída ó vehículo nun acto no que participaron ducias de veciños e no que destacou que Lugo é unha provincia “na que hai absolutamente de todo” e animou ós galegos a “enorgullecernos do noso”

– O bus fará 3.150 quilómetros e pasará por 16 cidades, nas que o seu público obxectivo será en conxunto de 8 millóns de persoas

A campaña turística da Deputación de Lugo para o 2011 difundirá polas comunidades do norte de España a oferta de casas de turismo rural, hostaleiros, aloxamentos, artesáns, adegueiros e empresas de lecer de toda provincia, o que supoñerá a medio prazo un impulso dos negocios, tendo en conta que o público obxectivo ó que van dirixidas as accións é de unhas 8 millóns persoas e que o actor Luis Tosar é a imaxe da iniciativa de promoción, o que implica un gran efecto chamada. O autobús que iniciou este venres unha xira por 16 cidades será o escaparate de toda esa oferta e alternativas do sector pois nel repartirase o material informativo aportado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, o colectivo Lugo Sur, a Asociación de Turismo Rural da Mariña (Aturmar) e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A todo isto, súmanse folletos, mapas, guías e unha postal de Tosar na praia das Catedrais editados polo organismo provincial, así como material doutras entidades públicas, como o Concello de Lugo.

O percorrido do bus que difundirá os atractivos e recursos da provincia comezou hoxe cun concorrido acto público que protagonizou Luis Tosar, celebrado no Salón Rexio do Círculo das Artes da capital lucense. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou con respecto a que Tosar sexa a imaxe da campaña de Lugo Terra que durante moito tempo “estivemos mirando cara fóra, cando o verdadeiro tesouro estaba dentro”. “No orgullo de Lugo temos moitas solucións ós nosos problemas”, engadiu neste senso Besteiro, que coincidiu co actor en subliñar que Lugo é unha das provincias “na que hai absolutamente de todo”. Agradeceu ademais a colaboración do intérprete, indicando que, “vale un Óscar”, e gabou a labor da Vicepresidenta Terceira e responsable da Área de Turismo, María Xosé Vega Buján, “a verdadeira artífice da campaña”.

Pola súa banda, Vega Buján recalcou que Lugo é unhas das provincias “emerxentes, que rompe as estatísticas en España” en materia turística. Expresou así mesmo o seu agradecemento ó sector privado porque o importante, dixo, “é ter unha imaxe única, forte e consolidada da provincia”.

Luis Tosar comentou na súa intervención que unha das “materias pendentes” dos galegos é “estar orgullosos do noso”. Agradeceu tamén ó equipo de Goberno da Deputación que pensasen nel para esta campaña turística porque colabora na promoción doutras iniciativas e proxectos “cos que non teño relación directa, pero eu son de Lugo e máis orgulloso non podo estar”. En relación co público obxectivo ó que están dirixidas as accións, 8 millóns de persoas, ironizou que ningún dos seus traballos en cine e televisión “os viu tanta xente”.

No acto estiveron presentes numerosos representantes de asociacións e colectivos, do sector da hostalería, da política e do ámbito xudicial e educativo. Deste xeito, entre outros, estiveron presentes o subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe; o xefe da sección de Turismo da Xunta, Francisco López Castro; o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo; o vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, Pedro García Herradón; o comisario xefe da Policía Nacional de Lugo, Maximino Losada, e alcaldes ou concelleiros dos municipios de Lugo, Begonte, Barreiros, Ribas de Sil, Sober e Rábade, ademais da deputada socialista no Congreso Margarita Pérez Herráiz e o Vicepresidente da Deputación, Antón Bao.

Máis e mellor información dos visitantes

O vehículo iniciou deste xeito un percorrido de 3.150 quilómetros, que o levará por 16 cidades, nas que o seu público obxectivo son en conxunto uns 8 millóns de persoas. Como xa sucedeu o ano pasado, os visitantes farán unha enquisa na que se lles preguntará por que decidiron entrar no vehículo, se estiveron en Lugo e, de ser así, que é o que coñecen. Deste xeito, o organismo provincial acadará un maior grao de coñecemento dos potenciais turistas, das súas expectativas e intereses, algo que resulta moi útil para definir de cara o futuro as mensaxes e accións promocionais.

A Área de Turismo provincial decidiu variar o periplo con respecto ó ano pasado tras detectar que a maioría dos visitantes de Lugo proceden do resto de Galicia e das comunidades do norte de España. En cada cidade estará unha media de dous días e en emprazamentos moi céntricos, para captar o interese do máximo número de persoas posible. O itinerario previsto será o seguinte: en marzo, Xixón (26 e 27); Santander (29); Bilbao (31 de marzo e 1 de abril), e en abril, Zaragoza (2 e 3); Barcelona (do 5 ó 8); Madrid (do 10 ó 13); Valladolid (14); León (15); Zamora (16); Ourense (18 e 19); Vigo (20 e 21); Pontevedra (22); A Coruña (23 e 24); Ferrol (25); Santiago (26 e 27) e volta a Lugo (28).

Exit mobile version