Site icon Crónica3.com A Mariña

Mais talento menos cemento organiza un debate sobre a situación urbanística no concello de Barreiros

Nota de prensa

O grupo Máis talento e menos cemento organiza o primeiro debate sobre a situación urbanística no concello de Barreiros o vindeiro sábado 26 de marzo, ás 8 da tarde no Centro Sociocultural de San Cosme.

O debate, titulado “O urbanismo en Barreiros: solucións e alternativas”, estará precedido dunha mesa redonda moderada pola xornalista Comba Campoy, na que participarán a arquitecta e restauradora Carlota Eiros, o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago Fernando Abel Vilela e o promotor e construtor Gervasio Cao.

Este debate ten un dobre obxectivo: informar sobre a complexidade da situación urbanística do concello e as súas implicacións xurídica, arquitectónica e económica, e expoñer alternativas e solucións viables para o modelo de crecemento que se impuxo en Barreiros dende o 2006. As diferentes áreas profesionais dos participantes permitirán que os asistentes participen dunha visión profunda, ampla e plural deste problema.

A importancia do evento reside non só na transcendencia do tema tratado, senón tamén na oportunidade que se lles brinda aos veciños de Barreiros para pronunciarse con voz propia sobre un asunto de candente actualidade e que a todos nos afecta.

Máis talento e menos cemento lamenta a ausencia do alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, quen foi convidado en reiteradas ocasións a participar como membro da corporación municipal para que expuxese, perante os veciños e sen intermediarios mediáticos, a súa visión da actual situación do concello e do seu inmediato futuro. Sentimos que a súa negativa nos prive dunha voz politicamente relevante no tema tratado.

Con esta, xa son catro as actividades lúdicas e formativas que o grupo Máis talento e menos cemento organiza en Barreiros dende o seu nacemento, hai pouco menos dun ano.

Exit mobile version