Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente de Ribadeo pide que non usen contedores de lixo pra residuos sanitarios

Nota de prensa

HORACIO CUPEIRO PÍDELLES A CENTROS VETERINARIOS, CLÍNICAS PRIVADAS E FARMACIAS, ENTRE OUTROS, QUE NON DEPOSITEN NOS CONTEDORES DO LIXO RESIDUOS SANITARIOS. SOGAMA VEN DE ENVIARLLE AO CONCELLO UNHA NOTIFICACIÓN CON ESTA INCIDENCIA.

Ribadeo, 9 de marzo de 2011. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, pídelles a centros veterinarios, clínicas privadas e farmacias, entre outros, que non depositen nos contedores do lixo residuos sanitarios como vendas, gasas ou apósitos. Sogama ven de enviarlle unha notificación ao Concello informándoo desta situación.

O edil nacionalista explicou que “hai uns días recibimos unha notificación de Sogama, a Sociedade Galega de Medio Ambiente, onde se incinera o lixo que enviamos desde moitos puntos de Galicia, na que se nos di que no noso concello se está a meter no medio do lixo residuos hospitalarios da categoría 2, como vendas, guantes, gasas, apósitos, bolsas de orina, etc…”.

Desde o Concello de Ribadeo “xa comunicamos a todos os centros vinculados con cuestións sanitarias como poden ser farmacias, hospitalillos, centros veterinarios, clínicas privadas… para que fagan uso dos cauces reglamentarios para tratar os residuos que xeneran. Eses restos non se poden tirar nos contedores de rsu”.

Horacio Cupeiro aproveitou para lembrarlles aos veciños de Ribadeo que “para depositar todos os productos farmacéuticos que non usamos porque tivemos que deixar de tomar a dosis que nos mandaron ou porque caducaron existen os puntos Sigre, que se atopan nas farmacias, tamén nos Irmandiños ou no punto limpo. A eses lugares debemos dirixirnos para evitar que esas medicinas ou produtos fitosanitarios vaian no medio do lixo e sexan incinerados. Xa hai un ano que no Concello repartimos 1.000 folletos sobre estes puntos Sigre para informar aos cidadáns da súa existencia e dos produtos que neles poden depositar”.

Exit mobile version