Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo di non estar disposto a “seguirlle o xogo” ao de Burela e pecha as diferencias

Nota de prensa

VILLARES: “O IMPORTANTE É TRAER SERVIZOS ÓS VECIÑOS E TAMÉN É IMPORTANTE RESPECTAR A AQUELES POBOS QUE TEÑEN FESTAS CONSOLIDADAS”

* O rexedor cervense lembra que o novo abastecemento de auga posibilitará a prestación dun servizo básico de calidade e en igualdade de condicións para os concellos de Cervo e Burela

* Sobre a polémica da Festa do Ourizo dixo que que si a vontade real dos dirixentes bureleses fose a de realizar eventos gastronómicos poderían facelo utilizando outros moitos produtos de calidade “sen ter que andar pisándonos uns ós outros”

Cervo, 15 de marzo de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, dixo non estar disposto a “seguirlle o xogo” ao alcalde de Burela “e continuar alimentando polémicas inútiles e infantís” sobre o seu enfado por non intervir no acto de posta en servizo da Estación de Tratamento de Auga Potable da Senra. “Diante dun reto tan fundamental como é o de garantir o abastecemento de auga de calidade a ámbolos dous concellos resúltame realmente inútil e infantil entrar continuamente neste tipo de polémicas de «si falo ou non falo»” recalcou o rexedor cervense en alusión ás criticas de Llano.

Villares recordou unha vez máis que o habitual nestes casos é que tome a palabra o alcalde onde se atopa a infraestrutura obxecto do acto “e neste caso hai que lembrar unha vez máis que a totalidade da rede de abastecemento está no concello de Cervo” dixo. “É o mesmo que pasa cando hai un acto no Hospital Comarcal da Costa -que non só é do Concello de Burela, se non de tódolos municipios que atende- e quen preside esos actos é a máxima autoridade municipal e nunca ningún concello veciño dixo nada” incidiu o rexedor.

Ó marxe da polémica dos discursos, para Villares o realmente importante é que a infraestrutura posta en marcha o venres pasado posibilitará a prestación dun servizo básico de calidade “e en igualdade de condicións para ámbolos dous concellos”. Para o rexedor cervense resulta innegable que Cervo e Burela teñan que compartir o abastecemento de auga “e grazas a esta nova rede poderase corrixir un desequilibro que hasta agora estabamos a padecer todos os veciños de Cervo, xa que tiñamos que bombear a auga dos ríos Covo e Xunco, co seu conseguinte encarecemento na factura do subministro e cuxo prezo chegaba case a duplicar o que tiñan en Burela. Por iso, a partir desta semana os veciños dos dous concellos imos a ter garantida auga de calidade nas mesmas condicións e ó mesmo prezo” recordou.

Ourizo

Alfonso Villares tamén se referiu a outra das polémicas alimentadas polos gobernantes bureleses nos últimos días: a celebración dunha cita gastronómica adicada ó ourizo en Burela unha semana antes da XX Festa do Ourizo de San Ciprián. En opinión do rexedor cervense “non é normal” que dirixentes dun municipio veciño promovan un evento similar ó de San Ciprián, de Interese Turístico e que leva 20 anos facéndose. “Desgraciadamente non é o primeiro ano que pasa isto e teño que amosar o meu malestar ó ver que se adican a copiar absurdamente e sen ningún tipo de imaxinación iniciativas consolidadas noutros pobos veciños” sinalou.

Villares pediulle ó alcalde de Burela respecto ó pobo de San Cipriáne e ós veciños de Cervo. Dixo que que si a vontade real dos dirixentes bureleses fose a de realizar eventos gastronómicos poderían facelo utilizando outros moitos produtos de calidade “sen ter que andar pisándonos uns ós outros, de igual xeito que a nós nunca se nos ocorrería organizar unha festa do bonito no mes de agosto nin tampouco en ningún mes do ano” sentenciou.

Exit mobile version