Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo agarda que a visita do presidente da Xunta active temas que levan anos parados

Nota e prensa

SUÁREZ BARCIA AGARDA QUE A VISITA DO PRESIDENTE DA XUNTA SIRVA PARA DESBLOQUEAR CUESTIÓNS QUE LEVAN PARALIZADAS DOUS ANOS. O REXEDOR ALUDIU Á LICITACIÓN DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN DA RECTORAL DE OVE E DO ANTIGO COLEXIO DAS MONXAS PARA CONVERTELOS NUN CENTRO DE DÍA PARA ENFERMOS DE ALZHEIMER E NUN ALBERGUE DE PEREGRINOS.

Ribadeo, 24 de marzo de 2011. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda que a visita de mañá do presidente da Xunta sirva para desbloquear cuestións que levan paralizadas dous anos coma a licitación das obras de rehabilitación e ampliación da rectoral de Ove e as de rehabilitación do antigo colexio das monxas na rúa Trinidade.

O rexedor sinalou que “aproveitando que mañá vai vir o presidente da Xunta a poñer en funcionamento a nova depurador, gustaríame que a visita servise tamén para desbloquear actuacións que no seu momento iniciou o bipartito e que a Xunta actual ten paralizados, non din que non, pero tampouco van para adiante e iso que levan dous anos no goberno autonómico”.

Fernando Suárez asegurou que “se trata de cuestións sensibles, moi importantes, moi demandadas e moi queridas por todos os nosos os veciños, como pode ser a nova gardería infantil, que boa falta lle fai dado que a actual ten saturada a súa capacidade, a pesares de que foi ampliada hai tres anos. E refírome tamén a desbloquear o que de maneira inexplicable está bloqueado desde hai dous anos que é a licitación das obras que permitan rehabilitar e ampliar a antiga rectoral de Ove co fin de convertela nun centro de día para persoas enfermas de alzheimer”. O alcalde explicou que “en Ribadeo superan o centenar, segundo os datos que manexan os técnicos do Concello, as persoas afectadas por este mal en diferentes graos e o saben moi ben os seus familiares que os teñen que coidar día a día”.

Suárez Barcia lembrou que “a Xunta tamén ten paralizada de xeito inexplicable e cun grave perigo de seguridade pública a licitación das obras do colexio das monxas na rúa Trinidade, que está a piques de virse todo abaixo e de provocar un auténtico colapso e un perigo para os viandantes que por alí pasan. O proxecto era convertelo nun albergue de peregrinos e que ao mesmo tempo puidese redundar en recuperar unha parte do patrimonio arquitectónico do casco vello de Ribadeo para poñelo en valor desde o punto de vista turístico”.

O alcalde de Ribadeo pensa que “nun contexto de crise as políticas dos gobernos teñen que volcarse en dinamización económica desde logo, pero tamén nos servizos sociais porque hai que apoiar a quen máis o precisa e os nenos e a xente maior son dous colectivos importantes. Os nenos por esa igualdade e por esa conciliación da vida laboral e familiar que todos predicamos e a xente maior para que poidan ter lugares coma ese centro de día para enfermos de alzheimer e seguidamente tería que vir unha residencia para a terceira idade. Confío en que o señor Feijoo nos alegre mañá e diga que vai desbloquear o que leva dous anos de xeito inexplicable paralizado”.

Exit mobile version