Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao alcalde de Muras de utilizar o cargo para o seu propio beneficio

Nota de prensa:
O BNG ACUSA AO ALCALDE DE MURAS DE UTILIZAR O CARGO PARA O SEU PROPIO BENEFICIO E NON PARA TRABALLAR POLO CONXUNTO DOS VECIÑOS E VECIÑAS DE MURAS

Os nacionalistas denuncian que en Muras pode haber un caso de información privilexiada e tráfico de influenzas co Fondo de Compensación medio ambiental

O alcalde de Muras e persoas achegadas poderían estar beneficiándose dunha boa parte dos 650.000 destinados a creación dunha aldea etnográfica no concello

A Mariña, 25 de marzo de 2011. O BNG denunciou un posíbel caso de tráfico de influencias coa utilización de información privilexiada en beneficio do alcalde e persoas achegadas co proxecto para a aldea etnográfica proxectada para Muras e promovida polo goberno local con financiamento da Consellaría de Presidencia con cargo ao Plan de Compensación Medio Ambiental. Os nacionalistas sospeitan que poderíamos estar diante dunha utilización fraudulenta de fondos públicos coa adquisición por parte do concello de inmobles e terreos para este fin, ao aprobarse unhas bases polo concello de Muras que coinciden coas características das propiedades que o propio alcalde e persoas achegadas tiñan adquirido con anterioridade e que finalmente foron as elixidas polo goberno municipal que preside Issam Alnagm Azzam para a execución deste proxecto.

O BNG pide que se investigue o sucedido en Muras co Fondo de Compensación Ambiental

Para o Portavoz Comarcal do BNG mariñao, Antonio Veiga, “cando menos estamos diante dun asunto que debe ser investigado e aclarado xa que cabe ademais da evidente existencia de información privilexiada, a sospeita dun posíbel caso de tráfico de influenzas”. Veiga afirmou que o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, tamén debe dar explicacións sobre o destino de fondos públicos do Fondo de Compensación Medio Ambiental no caso de Muras, “que no canto de beneficiar aos veciños de Muras, unha boa parte deles parecen ir destinados a beneficio dun destacado militante do Partido Popular”.

O alcalde de Muras utiliza o cargo no goberno local no seu propio beneficio e non no dos veciños e veciñas.

Os nacionalistas denuncian que o alcalde de Muras, Issam Alnagm Azzam, podería estarse beneficiando directamente dunha subvención para a creación dunha aldea etnográfica no lugar de Carelle pertencente á parroquia de Burgo, promovida polo propio concello e financiada co Fondo de Compensación Ambiental pola instalación de parques eólicos no seu concello. Segundo a información recompilada polo BNG, Issam Alnagm Azzam e propietario de varias fincas e propiedades inmobiliarias que pretenden converterse nunha aldea etnográfica coa axuda deste fondo provinte da Consellaría de Presidencia por importe de 650.000 euros, “dos que unha parte irían parar ao peto do alcalde e persoas achegadas” ao elaborarse unhas bases polo concello de Muras para a compra onerosa deses terreos que coinciden coas características das propiedades do propio alcalde.

Bases feitas a medida para encaixar coas propiedades que o alcalde xa tiña adquirido con anterioridade.

O prego de condicións administrativas para “adquisición de terreos e inmobles para a execución de aldea etnográfica en Muras. Anualidade 2010: adquisición de bens inmobles e redacción de proxecto de rehabilitación” aprobadas polo pleno de Muras o 11 de outubro de 2010 e publicadas mediante anuncio no BOP de Lugo o 15 de outubro do mesmo ano recollen as características dos terreos e inmobles a adquirir polo concello de Muras mediante un expediente de xeración de créditos ao amparo da Resolución da Consellaría de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza de 6 de outubro de 2010, que resolve a Orde de 25 de xuño de 2010 que regula a convocatoria de axudas do Fondo de Compensación Medio Ambiental polo que se outorgan ao Concello de Muras axudas por importe de 649.744,28 euros para a creación dunha aldea etnográfica.

Nas condicións para a adquisición dun conxunto de terreos e bens inmobles incluídas no referido prego de condicións, outorgase un prazo de dez días para a presentación de propostas que deben reunir as características de estar enclavados en “solo rústico de protección de espazos naturais por estar afectos a LIC rede natura, que por si solas ou en conxunto con outras lindantes ou próximas ofertadas, albergar una aldea etnográfica”. As características definidas nas bases de contratación coinciden cun conxunto de propiedades adquiridas con anterioridade polo alcalde e persoas próximas, segundo consta na documentación en poder do BNG, que foron presentadas como proposta e aprobadas na resolución do concurso polo concello que preside o alcalde do PP, Issam Alnagm Azzam

Exit mobile version