Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama a mobilizarse o 13 de marzo polo emprego

Os nacionalistas chaman a mobilizarse o 13 de Marzo polo emprego.

Veiga denuncia que se está desguazar A Mariña.

O Bloque Nacionalista Galego considera que Galiza e A Mariña se atopan nunha situación limite do que é un bo indicador a suba galopante dos niveis de desemprego e a situación crítica na que se atopan a totalidade da actividade económica da nosa comarca. “Están a desguazar A Mariña”, indicou Antonio Veiga que se referiu “ a desaparición de centos de negocios e pequenas e medianas e empresas at éo punto de que desde 2008 até hoxe houbo case 2500 baixas no Réxime Especial de Autónomos. Outro tanto acontece coas explotacións gandeiras, que enfrontan unha crise sen precedentes como consecuencia do prezo do leite e que golpea de xeito moi particular a aquelas granxas máis dimensionadas e que acometeron importantes investimentos para situarse mellor no mercado, dándose o paradoxo, de que son estas as que presentan unhas perdas maiores na súa conta de explotación, que nalgúns casos superaron en 2010 os 180.000 euros anuais. E o mesmo podemos dicir do complexo pesqueiro que vive momentos limites como consecuencia da reducción das cotas do lirio e da cabala, nun 93% no caso da primeira especie, o que pon en risco a boa parte da flota da Mariña e a industria de transformación”.

O Responsábel Comarcal do BNG afirmou que “a crise non se está a notar do mesmo xeito no conxunto dos territorios do estado e a mesma está a demostrar que aqueles con menor peso político ou con gobernos autonómicos máis incompetentes a sofren de xeito máis especial. Asemella que o PP esqueceu a súa promesa electoral de que ía rematar co desemprego en Galiza a tres meses de entrar no goberno da Xunta, pola contra o Goberno de Feixoo converteuse nunha autentica maquina de destruír emprego. Abonda botar unha ollada ao sector industrial para verificar que a Xunta de Galiza aproba Ere tras Ere sen importarlle as consecuencias socias que os mesmos teñen para os traballadores”. Neste sentido o nacionalista quixo referirse “ aos efectos que vai provocar na Mariña o feche da central das Pontes, non só en termos de dependencia enerxética, senón polo feito de que algunhas das auxiliares que traballan nas Pontes tamén traballan en Alcoa senón porque necesariamente isto vai xerar unha guerra de prezos entre as contratas dun e doutro centro de traballo coa conseguinte precarización das condicións laborais pero tamén da destrucción de emprego”.

Antonio Veiga advertiu tamén das consecuencias que vai ter na Mariña “ a bancarización da caixa galega e a actual restruturación do sistema financeiro, posto que a adiantar o goberno do Estado a entrada en vigor das esixencias de Basilea, isto vai provocar a destrucción de centos de empregos no conxunto do sector financeiro da Mariña polo proceso de concentración e feche de entidades pero tamén que vai restrinxir e endurecer as condicións de aceso ao crédito para familias e empresas”. “Non estamos a dicir nada novo cando afirmamos que un dos principais problemas que hoxe atopan os particulares e os as persoas xurídicas é a falta de liquidez, unha liquidez fechada a cal e canto, que asfixia a tesourería de empresas e negocios, liquidez en definitiva que vai escasear aínda máis ao aumentar o nivel de Core Capital ao 8%” afirmou Veiga quen denunciou que “o PSOE promovendo a restruturación do sector financeiro e o PP ao descapitalizar o IGAPE para ofrecer liquidez as empresas e particulares está a darlle a puntilla definitiva a moitas empresas da Comarca”.

Os nacionalistas que chamaron ao conxunto dos Mariñaos a participar da mobilización que se celebrará o Domingo 13 de Marzo en Compostela e que anunciaron que sairán autobuses de todos os Concellos da Comarca, podéndose anotar aqueles que queiran asistir no Tlf:982-140-654, indicaron que “é necesario que a mobilización social obrigue a modificar as políticas do PSOE e do PP para que a creación de emprego e o mantemento da actividade económica e dos servicios públicos se sitúe no centro das prioridades da Xunta e do Goberno do Estado”.

Exit mobile version