Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita que o concello conte cun centro comercial aberto

O BNG DE FOZ SOLICITA QUE O CONCELLO CONTE CUN CENTRO COMERCIAL ABERTO

A visita da Directora Xeral de Comercio foi unha ocasión perdida para Foz

Foz, a 12 de marzo de 2011.- O BNG de Foz acusa á Xunta de non ter vontade política de poñer en marcha no Concello de Foz un Centro Comercial Aberto, solicitado xa o ano pasado polo BNG e avalado pola Asociación de Comerciantes e Autónomos de Foz (ACIA).

Para o portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta, “a visita que esta semana realizou a Directora Xeral de Comercio e a Xefa Territorial da Xunta á Mariña foi decepcionante para todos os focegos porque non lle aportou nada ao Concello de Foz”.

Segundo Basanta, “estamos contentos de que a responsable da Xunta se acordase de loar a grande labor dos centros comerciais abertos e o seu carácter estratéxico no comercio galego de proximidade. O que non entendemos é que tendo esta opinión, o Goberno da Xunta que ela representa eliminara as axudas para novas creacións deste tipos de centros comerciais, como os que xa existen en Ribadeo e Viveiro e que tan necesario vemos en Foz”.

O BNG, nunhas das emendas aos Orzamentos da Xunta para este ano, propuxera a habilitación dunha partida para a creación en Foz dun Centro Comercial Aberto, reivindicación que tamén era un dos propósitos da ACIA. Isto significaría darlle un empurrón importante ao comercio local e aos empresarios que están pasando uns momentos difíciles, ao mesmo tempo que crearía postos de traballo. Pero o PP, o que hoxe goberna na Xunta, votou en contra da mesma, imposibilitando calquera intención de promocionar e fomentar o comercio en Foz.

González Basanta recrimina a actuación da Xunta con Foz en materia de comercio e reitera que “se realmente lles preocupara o comercio focego, a Directora Xeral de Comercio anunciaría a implantación dun Centro Comercial Aberto na nosa vila ou polo menos da vontade de implantalo. Pero nada diso saíu porque a intención da Xunta é deixar á súa sorte o comercio local”.

O BNG de Foz, dada a visita baleira para Foz da Directora Xeral, reclama da Xunta unha aposta seria polo pequeno e mediano comercio de Foz. E que mellor aposta que crear un Centro Comercial Aberto como os que xa existen noutras localidades da Mariña e que tan ben funcionan.

Exit mobile version