Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo lémbralle ao presidente da Xunta as necesidades da comarca e do Concello

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Ante a visita do Sr. Feijoo a Ribadeo

Ante a visita que o Sr. Feijoo vai facer a Ribadeo, o BNG non pode evitar lembrarlle unha serie de consideracións relativas á nosa comarca, nomeadamente ao noso Concello.

1. Sr. Feijoo: acábase de saber que o TSXG ven de confirmar nunha sentenza que o concurso eólico elaborado polo anterior goberno bipartito nunca debeu ser paralizado, pois era plenamente legal. Que inxenua e pueril resulta a resposta do Sr. Juan Guerra (conselleiro de economía e industria) afirmando que neste tema a Xunta actuou honestamente. Só faltaría que o fixera a mala conciencia! Que conste que hai moita xente que só pode pensar iso: que o fixo por amolar e defender intereses privados, non o ben común.
2. Sr. Feijoo: entre os beneficiarios do anterior concurso eólico estaba “Ventos Cooperativos” (o xermolo do grupo lácteo galego) con 192 megawatios. Ben que sentiron os labregos de todo o país, os da Mariña tamén, que se truncara este proxecto. Todos sabemos do bo facer de cooperativas como Feiraco ou Os Irmandiños. Por desgraza, tamén acabamos sabendo da chapuza xurídica dun reparto eólico que ía ser, inicialmente, por adxudicación directa e despois cambiaron a concurso; un concurso no que inicialmente poñían unhas condicións e, no medio do proceso, mudaron ao calado: así foi o seu concurso eólico.
3. Sr. Feijoo: na Mariña, en Ribadeo, sentímonos moi defraudados por ter impedido vostede de xeito caprichoso, parcial, e moi interesado para algunhas empresas privadas alleas ao país, o que era un proxecto ilusionante que supoñía importantes inversións para o noso agro. Outros proxectos industriais centrados no país tamén esmoreceron por mor da súa decisión persoal. Paralizouse o sector eólico e nel perdéronse ata 3000 postos de traballo.
4. Sr. Feijoo: van xa dous anos de goberno seu. Déixese de maquinacións. Faga algo. Aporte solucións, non problemas nin culpas. Agora que está en Ribadeo deixe de lle botar a culpa aos cregos e poña en marcha as obras importantes que ten pendentes no noso concello. Para cando a rehabilitación e ampliación da reitoral de Ove, futuro centro de día para enfermos de alzheimer? Para cando a licitación das obras do antigo colexio das monxas e futuro albergue de peregrinos? Para cando a escola infantil? Todos eles son proxectos aprobados que, misteriosamente, desde que chegou vostede ao goberno, quedaron paralizados. Faga algo, Sr. Feijoo. Pero xa!

Exit mobile version