Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pídelle un esforzo maior á Xunta na súa política de apoio ao deporte base

Nota de prensa
O Bloque xovense pídelle un esforzo maior á Xunta na súa política de apoio ao deporte base

O candidato do BNG á alcaldía dixo non entender por que no PP xovense definiron no seu día como unha “limosna” as axudas de 20.000 euros que outorgaron os nacionalistas a todos os clubes deportivos do Concello e agora describen como “unha gran noticia”, e non cualifican de esmola, que a Xunta conceda 7.700 euros de subvención para únicamente tres entidades deportivas do municipio.

Marco López declarou que “todas as axudas, veñan da administración que veñan, son benvidas no noso concello”. Aínda que tamén dixo que, segundo a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, as subvencións da Administración autonómica só se dirixen a tres entidades deportivas de Xove: o Clube de Bolos (1.196,48 euros), o Clube de Baloncesto (2.392,96 euros) e a Unión Deportiva Xove-Lago (4.187,68 euros); deixando fóra a outros clubes como o equipo de Fútbol-Sala, o Clube de Natación ou a ACD Xove.

En contraposición a este xeito de actuar, Marco López puxo o exemplo da área de Deportes da Deputación dirixida polo nacionalista Antonio Veiga, que concedeu axudas a todas estas asociacións deportivas sen discriminar ningunha co único obxectivo de apoiar a importante tarefa de promoción do deporte base e o lecer dos adultos que realizan no Concello de Xove.

Exit mobile version