Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclamará ao concello e á Xunta o arranxo da estrada Reme-Vilamar ao seu paso por Barreiros

Nota de prensa:
O BNG RECLAMARÁ DIANTE DO CONCELLO E DA XUNTA O ARRANXO DA ESTRADA REME-VILAMAR AO SEU PASO POR BARREIROS. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN UN DESPREZO E UN INSULTO PARA OS VECIÑOS DA ZONA SUR QUE A XUNTA ESCATIME 500.000 EUROS NUN AMAÑO PROMETIDO EN SETEMBRO DE 2009, FRONTE AOS 6 MILLÓNS DE EUROS QUE DESTINARÁ A PAGAR AS DESFEITAS URBANÍSTICAS NA COSTA.

Barreiros, 1 de marzo de 2011. O BNG reclamará diante do Concello e da Xunta o arranxo da estrada Reme-Vilamar ao seu paso por Barreiros. O portavoz Antonio Veiga considera unha desprezo e un insulto para os veciños da zona sur que se escatimen 500.000 euros nun amaño prometido en setembro de 2009, fronte aos 6 millóns de euros que a Xunta destinará a pagar as desfeitas urbanísticas na costa.

Veiga Outeiro sinalou que “hai unha infraestructura moi importante para o concello de Barreiros, que é a estrada que vai de Vilamar a Reme, que conecta toda a zona sur e os concellos de Ribadeo e Barreiros. Nos anos 90 xa se empezou a falar do arranxo deste vial, acometéronse a finais desa década e principios de 2000 varios amaños, pero o tramo que vai desde alto de Vilamartín ata Vilamar quedou totalmente esquecido. Houbera un proxecto de ampliación cun trazado que era bastante lesivo para os intereses dos veciños e para as gandeirías, os veciños protestaron porque aquel trazado cortaba en dúas as fincas e as súas explotacións”.

Os nacionalistas explicaron que “polas declaracións que vimos xa no mes de setembro de 2009 tanto do alcalde como do conselleiro de Ordenación do Territorio ese proxecto de ampliación queda aparcado e o que nos anunciaba Alfonso Fuente Parga en setembro dese ano era que Infraestructuras da Xunta ía destiñar 500.000 euros ao vial Reme-Vilamar en Barreiros para botarlle unha capa de asfalto e proceder á limpeza das cunetas, co cal esta estrada seguiría mantendo o mesmo trazado, pero cun firme mellor”. Ao BNG dalle a impresión de que “iso se quedou nunha promesa, recién entrado o novo goberno da Xunta e nós entendemos que os veciños de Barreiros, sobre todo os da zona sur non se merecen máis promesas. Habería que preguntarlle ao alcalde de Barreiros e á Xunta por qué hai 6 millóns de euros da propia Xunta para pagar a desfeita urbanística da zona costeira, para pagar os servizos que outros tiñan que pagar e non o fixeron e por qué se escatiman 500.000 euros para botar esa capa de asfalto á estrada Reme-Vilamar”.

Para Antonio Veiga “está claro onde aplica a austeridade o PP, sempre nos que non teñen culpa ningunha, sempre nos que foron esquecidos e nos que están máis necesitados. Estamos a falar da zona sur de Barreiros, que durante moitísimos anos foi o motor económico do noso concello. Non é de recibo este trato que se lles está a dar. Nós entendemos que é un auténtico desprezo e insulto hacia os veciños da zona sur de Barreiros, independentemente do desastroso estado en que se atopa a rede viaria local. Os máis vellos de Barreiros non recordan unha rede de estradas tan abandoada, tanto as que conectan pistas con casas coma os acceso aos montes”. Os nacionalistas engaden que “é curioso que isto ocorra cando Barreiros ten un concelleiro de Obras con adicación exclusiva por primera vez na súa historia. Non sabemos a que se adica este edil a parte de cobrar a fin de mes”.

O BNG entende que “é un asunto bastante grave, seguiremos a insistir no vindeiro pleno no Concello e tamén faremos diante da Xunta as xestións que consideremos oportunas e lle lembraremos que as promesas que se fan hai que cumprilas e que non se pode tratar así aos veciños de Barreiros”. Para o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego “están moi claras as prioridades do PP en Barreiros, poñer 6 millóns de euros para pagar as desfeitas urbanísticas feitas por outros e ignorar aos veciños da zona sur, os que polo seu traballo foron o motor económico de Barreiros durante toda a súa historia”.

Exit mobile version