Site icon Crónica3.com A Mariña

O CENTRAD organiza por primeira vez cursos en talleres de artesáns da provincia

Nota de prensa

O CENTRAD organiza por primeira vez cursos en talleres de artesáns da provincia

– Onte comezou un de olería no obradoiro de Josefa Lombao, en Bonxe, ó que acoden 8 alumnos, e o sábado arrancará outro de coiro en Cervo, no taller de Vidal Revilla, con outros 8 participantes

– O centro decidiu descentralizalas xornadas formativas ante a demanda dos solicitantes e co fin de facilitala participación

– Este martes abriuse o prazo de inscrición nos 31 cursos que oferta o CENTRAD na primavera

Debido á demanda dos solicitantes e co obxectivo de facilitala participación, o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación decidiu programar por primeira vez este ano varias xornadas formativas fóra das súas instalacións. A primeira está dedicada á olería de Bonxe e arrancou o martes no obradoiro de cerámica da artesán Josefa Lombao. As clases, de 300 horas de duración, desenvolveranse ata o 1 de xuño, entre as 16:00 e as 20:00 horas, de luns a venres. Os seus 8 alumnos, que cobren a cota de prazas dispoñibles, coñecerán as características do barro de Bonxe e San Lorenzo, farán prácticas de torno para dominar a técnica, achegaranse ós distintos métodos de fabricación e elaborarán algunhas pezas, seguindo todo o proceso.

A outra das xornadas previstas fóra do CENTRAD para este mes de marzo centrarase nas técnicas de cosido manual en coiro, comezará este sábado, día 5, e terá lugar en Cervo, no obradoiro de Vidal Revilla. Neste caso, a actividade, con 8 prazas, está dirixida a artesáns profesionais e continuará os días 6, 12 e 13 de marzo, en horario de 9:30 a 14:00 e de 15:30 a 21:00.

Xa nas instalacións do centro de artesanía, este sábado e domingo -de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas- desenvolverase un taller de packaging, outra das novidades da programación de cursos organizada polo CENTRAD para este ano co fin de impulsar este sector e xerar riqueza e novas oportunidades laborais. Participarán 16 persoas, ás que a artesán Sol González-Ruíz amosará técnicas de empaquetado e presentación de produtos, uns coñecementos que resultan vitais na comercialización. Tamén o sábado arrincará outro curso de xoiería, centrado na fabricación de sortellas, ó que acodirán 6 alumnos. As clases continuarán os días 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de marzo, en horario de 16:00 a 21:00, os sábados, e de 9:00 a 14:00, os domingos.

Cursos de primavera

O CENTRAD abriu por outra banda este pasado martes o prazo de inscrición nos 31 obradoiros que ofrecerá durante a primavera e que forman parte desa programación oficial de actividades do 2011, conformada por un total de 74 cursos. Entre os previstos na primavera, predominan os de cestaría e xoiaría, os máis consolidados xunto cos de coiro na oferta do centro, pero incorpóranse novidades como un de cerámica coa técnica “Raku occidental”, deseño de espazos de exposición, fotografía dixital, fabricación de papel e talla de pedra. Polo demais, tamén haberá obradoiros de téxtil, restauración de mobles e elaboración de pezas de vidro.

Os interesados teñen dúas maneiras para anotarse: de forma presencial, acudindo ás instalacións do centro de artesanía, na rúa Chantada da capital, entre as 9:00 e as 14:00 horas, de luns a venres; ou mediante Internet, entrando na páxina www.centrad.org. Deste xeito, os centos de participantes nestes obradoiros poden por primeira vez formalizar a súa solicitude de maneira telemática grazas ó Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación que logrará a total implantación da Administración Electrónica na provincia nun tempo récord de menos dun ano. Este é polo tanto, un dos 147 trámites que en total poderán realizar os cidadáns a través da Rede, evitando desprazamentos e aforrando custes e tempo.

Obradoiros portátiles

A programación de obradoiros portátiles que o CENTRAD imparte en centros educativos da provincia inclúe esta semana xornadas sobre cestaría no colexio de Riotorto e no López Suárez de O Saviñao; de encadernación no IES Quiroga; de fabricación de papel no Juan Rey de Lourenzá; de instrumentos musicais no colexio Cervantes de Lugo; e de monicreques, no de Monterroso.

Exit mobile version