Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo comeza a limpeza de viais nas parroquias do Camiño de Santiago

Nota de prensa

O CONCELLO INICIA ESTA SEMANA A LIMPEZA DE VIAIS NAS PARROQUIAS DO CAMIÑO DE SANTIAGO. O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ, QUERE QUE ESTEAN LISTOS PARA A CHEGADA DA ÉPOCA ESTIVAL.

Ribadeo, 14 de marzo de 2011. O Concello inicia esta semana a limpeza de viais nas parroquias do Camiño de Santiago, en Ove, Covelas e Arante. O alcalde quere que estean listos para a chegada da época estival.

Suárez Barcia explicou que “continuamos traballando nestas semanas nas parroquias, tanto da costa como do interior, nas actuacións de rebacheo que anunciamos estes días, pero esta semana imos empezar unha nova remesa de viais nas parroquias do Camiño de Santiago, concretamente en Ove, Covelas e Arante. Imos limpar todas esas zonas con motoniveladora, pala e camión grazas a uns cartos que conseguimos da Área de Turismo da Deputación de Lugo xunto con fondos propios”. O rexedor dixo que “contribuimos así a acondicionar estas parroquias do interior, nas que as chuvias de hai meses deixaron moitos camiños moi afectados, outros quedaron coas gavias e cunetas colmatadas de terra e de vexetación e é agora cando hai que actuar para que estean listos e en perfecto estado de revista diante da chegada da época estival”.

O alcalde engadiu que “nestes próximos tempos actuaremos en barrios, en núcleos destas parroquias e en camiños que se atopan afectados. As súas asociacións de veciños estivéronnos dando conta das necesidades que tiñan e agora é cando estamos a actuar”.

Hortos ecolóxicos

Fernando Suárez lembrou que na tarde de hoxe, ás 18 horas, “procederemos ao sorteo destas parceliñas que quedaban vacantes neste proxecto de hortos ecolóxicos que o Concello implantou hai unhas semanas. Así todas aquelas persoas que o quixeron inscribíronse aquí e agora imos facer o sorteo público para ver cal é parcela que lles vai tocar”.

O rexedor ribadense sinalou que “é unha iniciativa moi importante, sobre todo pensando na xente que vive na vila en piso e que quizáis tivo vinculación coa terra, pero que hai tempo que non a tiña, ou en todo caso hai outros que nunca tiveron relación coa terra, pero que queren ensiñarlles aos seus fillos cómo se pranta unha leituga ou como se cultiva unha tomateira. Nós desde o Concello facilitámoslles unha pequena dosis de semente para que poidan facer estas primeiras actividades agrícolas. Hai que lembrar que os produtos que obteñen non se poden vender, senón que teñen que ser para autoconsumo”. Suárez Barcia subliñou que “da gusto ver como as primeiras parcelas están xa cultivadas e cómo nacen os primeiros froitos nestas parcelas que o Concello adxudicou de maneira gratuita a través dun solar que o seu propietario nos cedeu en precario”.

O alcalde manifestou que “desde o Concello queremos que Ribadeo sexa outra vez pionero ao igual que outras grandes cidades que contan con estes hortos ecolóxicos. Aquí na comarca da Mariña é Ribadeo o único que está a levar adiante esta iniciativa tan importante para a xente do ámbito da vila”.

Exit mobile version