Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de MATI afirma que o enlace centro de Viveiro converte á variante nunha circunvalación

Nota de prensa

Variante Viveiro VAC
VAC Costa Norte

O conselleiro de Medio Ambiente lembra que ningún dos tramos da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte está paralizado e invita ao PSdeG-PSOE a esixir a Fomento responsabilidades pola deixadez no tramo San Cibrao-Barreiros
Hernández afirma que o enlace centro de Viveiro converte á variante nunha auténtica circunvalación que mellorará a mobilidade e a accesibilidade a este concello

*
O responsable de Infraestruturas recorda que a redacción do proxecto de trazado e construción do treito foi adxudicado en abril de 2007 e lembrou que no contrato asinado coa empresa adxudicataria xa se facía constar que o proxecto incluiría un enlace intermedio no treito Landrove-Celeiro
*
Destaca a máxima sensibilidade do actual Goberno cos veciños de Viveiro afectados por esta actuación, como demostra o feito de que foron recibidos en varias ocasións polo persoal directivo e técnico da Consellería
*
Salienta a importancia de avanzar no tramo estatal entre San Cibrao e Barreiros, co fin de evitar unha perda de operatividade desta obra

Santiago, 23 de marzo de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou esta mañá no Parlamento galego que o enlace Centro de Viveiro converte á variante nunha auténtica circunvalación que mellorará a mobilidade da poboación, así como a accesibilidade ao núcleo urbano, desconxestionando as travesías da capital municipal e de Celeiro, que sofren importantes retencións sobre todo na época estival.

O responsable de Infraestruturas explicou que a solución escollida é a mellor tecnicamente e non supón ningún trámite de modificación de proxecto, senón que se axeitaron as necesidades de conexión á viabilidade técnica e ambiental do enlace durante a fase de redacción do proxecto, destacou.

Hernández subliñou que a redacción do proxecto de trazado e construción do treito foi adxudicado en abril de 2007 e lembrou que no contrato asinado coa empresa adxudicataria xa se facía constar que o proxecto incluiría un enlace intermedio no treito Landrove-Celeiro e a conexión do núcleo de Viveiro. Nese senso, tildou de falsas as afirmacións do Partido Socialista de que este proxecto de trazado e construción, do treito que inclúe a variante de Viveiro, estivera xa redactado e entregado cando tomou posesión o actual Goberno.

Sinalou que na actualidade se está ultimando a valoración das 83 alegacións recibidas durante o período de información pública, das cales un total de 81 son de particulares, unha do Concello de Viveiro e outra da Deputación Provincial de Lugo.

O responsable de Infraestruturas do Goberno galego destacou a máxima sensibilidade do Goberno para minimizar as afeccións desta actución, é mostra disto –aclarou- é o feito de que os veciños e afectados foron recibidos en varias ocasións polos técnicos responsables da Consellería. Nestes encontros déuselles conta das variacións introducidas e explicóuselles a necesidade de incluír o enlace centro de Viveiro e a inviabilidade, desde o punto de vista técnico, de materializar o enlace no anterior trazado. Recordou que a propia directora xeral de Infraestruturas recibiu aos afectados no seu despacho.

“Ningún tramo paralizado”
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas afirmou que o departamento que dirixe “non ten nin un só tramo da VAP Costa Norte paralizado” e trasladou a súa perplexidade polas continuas acusacións do grupo socialista galego ante os supostos retrasos nos tramos da Xunta desta infraestrutura. Neste senso, solicitou ao PSdeG-PSOE que sexa igual de reivindicativo ante o Ministerio de Fomento para que “abandone a lentitude coa que leva anos tramitando o estudo informativo do tramo San Cibrao-Barreiros”.

Hernández sinalou que non se pode permitir que a obra perda parte da súa operatividade, polo que é de gran transcendencia que se execute o tramo de competencia estatal entre San Cibrao e Barreiros. Recordou que este tramo representa a conexión final coa autovía do Cantábrico, polo que a súa construción supón unha mellora dende o primeiro momento para o conxunto da Mariña e todo o litoral norte de Galicia”.

Exit mobile version