Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade recolle as súas actividades e variada información nunha web

Nota de prensa

Despois de tres anos de andaina feminista na Mariña, o Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a súa web

Nela poderanse atopar detalladamente todas as actividades do Observatorio así como información de interese

Despois de tres anos de andaina feminista nos que o Observatorio organizou múltiples actividades polas diferentes vilas da Mariña, temos o pracer de presentarvos a web do Observatorio www.observatorioigualdade.org

Na páxina, moi dinámica e visual, pódense atopar de xeito claro e conciso todos os traballos que o Observatorio levou a cabo practicamente desde o momento do seu nacemento. Actividades, campañas ou denuncias enchen de contido a páxina web, así como as galerías que dan conta da labor desenvolta nestes últimos anos. Tamén compre destacar os enlaces de interese a diferentes webs tanto nacionais como estatais, así como o calendario de próximos eventos. Non falta os datos de contacto do Observatorio ou diverso material para descarga como a cartelería ou o formulario para facerse soci@.

Amais da presentación da nosa web coincidindo co noso terceiro aniversario, queremos aproveitar para agradecer a todas as persoas que nos apoiaron durante estes anos e que participaron nas actividades levadas a cabo como as charlas-café “Falemos de…”, os videoforum “Mulleres no Mundo”, a Escola Feminista Corona González, os diferentes obradoiros como o tuppersex ou o de “ser homes por un día”, o curso de fotografía dixital “Olladas de Mulleres”, a campaña Dálle a Volta, o proxecto Dándolle a Volta, o ciclo de cine erótico “O desexo en imaxes”, as diferentes exposicións, os actos organizados polo 25 de Novembro en contra da violencia machista, etc.

Tamén queremos aproveitar para facer referencia aos recortes dos recursos destinados a eliminar a discriminación e a desigualdade, desmantelando na práctica as políticas de igualdade e benestar, de modo que as mulleres acaban as cargas dun sistema que debería asegurarse e afianzarse en tempos de crise. A eliminación dos equipos de igualdade das oficinas I+B, a paralización da creación de escolas infantís e centros de día, a supresión do programa Tempos de Mulleres ou das axudas á cotitulariedade das explotacións agrarias, do programa Arlinga de axudas ás mulleres redeiras ou mesmo a desaparición do Servizo Galego de Igualdade non debe pasar desapercibido.

Exit mobile version