Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo aprobou a ordenanza da administración electrónica e o trazado de camiño en A Ponte-Arante

O pleno de Ribadeo aprobou a ordenanza da administración electrónica e o trazado de camiño en A Ponte-Árante

Nota de prensa

O PLENO APROBOU INICIALMENTE A ORDENANZA REGULADORA DA ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA DO CONCELLO E O PROXECTO DE NOVO TRAZADO DE CAMIÑO EN A PONTE-ARANTE, PARA DAR ACCESO AO CAMPO DA FESTA. FERNANDO SUÁREZ DIXO QUE TODOS OS GRUPOS TRABALLAN PARA TER CANTO ANTES UN NOVO DOCUMENTO DO PXOM.

Ribadeo, 22 de marzo de 2011. O pleno aprobou inicialmente a ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello de Ribadeo e o proxecto de novo trazado de camiño en A Ponte-Arante, para dar acceso ao campo da festa. O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que todos os grupos están a traballar para ter canto antes un novo documento do PXOM.

O rexedor destacou “o número e a importancia dos asuntos que foron a pleno e tamén que sairon adiante cun respaldo moi importante nalgúns casos e a meirande parte deles por unanimidade”. Na sesión plenaria quedou aprobada inicialmente a ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello. Fernando Suárez dixo que “o Concello, que sempre está á vangarda en moitas cousas, queremos que estea neste caso na aplicación das novas tecnoloxías e que serva para que os veciños e veciñas de Ribadeo poidan ir mellorando nos seus trámites e na súa relación coa administración local a través de internet. Hai que regulalo dalgún xeito e como se fai é a través de ordenanzas, agora ésta foi aprobada inicialmente e irá exposición pública, e noutro caso falamos dun convenio coa Xunta e coa Federación Galega de Municipios e Provincias para ir avanzando na implantación desta administración electrónica”.

O alcalde de Ribadeo contou que “outros puntos importantes que contaron co apoio unánime de todos os grupos políticos foron aqueles convenios urbanísticos de actuación nunha superficie moi importante para o Concello de Ribadeo, unha vez que o PXOM estea aprobado. É toda unha superficie da traseira da Avenida de Galicia, Pintor Fierros… toda unha bolsa de terreo que no caso de que o plan xeral se aprobe contemplaría que unha parte importante pasaría a ser solo público, solo dotacional, para o que a Corporación Municipal no seu momento estime”. Suárez Barcia cre que “isto, que foi aprobado por unanimidade, é froito de todo o traballo desenvolvido nas comisións informativas de urbanismo, avanzando na redacción e buscando puntos de encontro para conseguir aprobar canto antes un PXOM de todos, que non sexa un plan do Bloque, do PP, do PSOE ou de UPRI. Queremos que sexa un plan xeral de todos, onde todos nos estamos comprometendo, poñendo en común o que nos une e buscando acordos en todo aquelo que nos separa e hai cousas como son estes froitos, que se están a dar, que van unánimemente a pleno e quero que serva esta declaración miña para felicitalos a todos públicamente”.

Fernando Suárez referíuse “a algún punto tamén singular como a desestimación dun escrito dalgúns particulares que consideran que un camiño público debe ser privado. Está detrás do colexio das monxas diante da estación vella do tren mineiro. A unanimidade da Corporación e os técnicos entenden que isto é público, que foi público sempre e no plano no que nos movemos desestimámolo e nos aceptamos para nada que esa vía poida ser outra cousa que non sexa pública. Tamén é moi importante a aprobación do proxecto de novo trazado de camiño na Ponte en Arante, un camiño que vai dar acceso ao campo da festa, que actualmente é moi estreito. A Corporación acepta facer unha permuta cun particular, sempre que resolva a obra para converter ese acceso que nos ceden nun camiño, de tal maneira que o Concello garante que vai poñer a parte diferencial entre o que poña a asociación de veciños dese lugar máis o que poña a Deputación Provincial de Lugo con estas famosas carpetillas”.

O alcalde contou que “finalmente aprobóuse unha moción do BNG sobre o plan de emprego feminio e outros sobre dereitos das mulleres, que contou cun debate moi interesante e moi brillante por parte da tenente de alcalde, Mariluz Álvarez Lastra”.

Exit mobile version