Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno do Concello de Burela reclamará á Xunta a posta en marcha dunha segunda escola infantil

Nota de prensa

O BIPARTIDO RECLAMARÁ  Á XUNTA NO PLENO MUNICIPAL DE MAÑÁ A POSTA EN MARCHA DUNHA SEGUNDA ESCOLA INFANTIL EN BURELA.

Burela, 30 de marzo de 2011. O bipartito reclamará á Xunta no pleno municipal ordinario que se celebra mañá a posta en marcha dunha segunda escola infantil en Burela para atender toda a demanda existente e que concerte as 20 prazas autorizadas para o centro de día da Fundación Eu Son.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “a segunda escola infantil estámola a reclamar desde hai moito tempo, prácticamente desde que entramos no Concello é a  nosa intención ou ben facer unha nova escola ou ubicar por exemplo na Casa do Mar dúas unidades. Neste caso teríamos que solicitarlo ao ISM”. O rexedor subliñou que “neste momento temos unha demanda de 25 a 30 alumnos e sería importante habilitar ese local, sobre todo mentras non se constrúe a escola que nós reivindicamos”.

Llano lembrou que “xa estivemos dúas veces en Santiago falando e non foi posible chegar a un acordo para ampliar ou facer unha nova escola infantil. Como vemos o problema e sabemos que vai ir a máis, a nosa intención é insistir de novo nesta demanda”.

Na sesión plenaria de mañá “tamén trataremos de aprobar a solicitude á Xunta de Galicia do concerto de prazas para o centro de día da Fundación Eu Son de Burela. Dito centro xa se rematou o ano pasado, hai unhas instalacións perfectamente dotadas para atender á xente con estas necesidades específicas. Nós queremos chegar ás 20 prazas concertadas, en Santiago chegaron a decirnos que 20 non, pero igual 12 sí e ao final non hai ningunha”. Alfredo Llano pensa que “se trata dun servizo moi demandando en Burela e no resto da Mariña e non entendemos como non se concertan as prazas suficientes como para poñer a andar. Consideramos que é moi importante e por iso vamos insistir”.

O rexedor engadiu que “no pleno tamén veremos o escrito de Elisa Crego no que pide a súa incorporación ao grupo non adscrito. Este asunto irá ao final para que esta concelleira poida falar e decir o que considere oportuno”.

Acceso ao porto

O alcalde de Burela anunciou a convocatoria dunha xuntanza cos veciños afectados pola modificación do proxecto de acceso ao porto nos primeiros días de abril para resolver as dúbidas que lles puideran xurdir. Llano manifestou que “agora está a exposición pública dito proxecto, hai que lembrar que suporá o desprazamento da vía do tren e iso afectará a algunhas fincas colindantes. Os veciños están preocupados e están a vir por aquí. Imos facer unha xuntanza con eles nos primeiros días de abril, quero traer un técnico da Xunta para que lles explique o proxecto e tamén estarán os técnicos municipais para despexar todas as dúbidas existentes e que así se fagan as cousas o antes posible e o proxecto poida seguir adiante en breve”.

Exit mobile version