Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo afirma que o PSOE basea a súa actividade política no boicot, en recortar proxectos e paralizar obras

Nota de prensa

Os veciños non comprenden como é posible que o PSOE de Cervo basee a súa actividade política no boicot, en recortar proxectos, paralizar obras en vez de traer investimentos para o seu concello
O PP REFRESCA A MEMORIA A LARA MÉNDEZ E LÉMBRALLE QUE FOI A XUNTA BIPARTITA QUEN DECIDIU RECORTAR EN DOUS MILLÓNS DE EUROS O ORZAMENTO DO SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN

* Co PP no Goberno a obra de construción da estación depuradora e dos novos colectores de saneamento foi adxudicada cun orzamento de 6,5 millóns de euros. Tras a chegada do bipartito á responsabilidade de goberno na Xunta o orzamento desta actuación reducíuse a tan só 4,3 millóns de euros.

Cervo, 24 de marzo de 2011.- O Partido Popular de Cervo quixo refrescar a memoria a Lara Méndez e lembroulle que foi a Xunta bipartita a que decidiu recortar en preto de dous millóns de euros o orzamento inicial para a nova rede de abastecemento de San Ciprián o que implica que, a día de hoxe, tan só se teña rematado unha fase desta actuación e que a EDAR e a rede de colectores non poden entrar en servizo polo momento.

Os populares replican así as acusacións do PSOE que nun intento desesperado por agochar a imprudente actitude dos seus correlixionarios cando xestionaban a Xunta de Galicia, pretendía responsabilizar ao Concello pola situación desta obra. Insisten en que ademais o dato é facilmente contrastable por calquera, xa que a adxudicación feita polo Executivo autonómico de Manuel Fraga, o 6 de xuño de 2005, aparece no Diario Oficial de Galicia e ascendía a 6,5 millóns de euros, mentres que, tras anular esta decisión, a Xunta bipartita presentou un novo proxecto de tan só 4,3 millóns de euros que é o que ao final levouse adiante.

Desde o Partido Popular aseguran que os veciños de Cervo non comprenden como é posible que o PSOE basee toda a súa actividade política no boicot, en recortar proxectos, en paralizar obras, en vez de facer todo o contrario, isto é, en intentar traer obras e novos servizos para os seus veciños. En todo caso os populares adiantan que o Goberno municipal de Cervo, en colaboración cos actuais responsables da Xunta de Galicia corrixirán, como xa se está a facer noutros ámbitos, as erradas decisións da Xunta bipartita, pensando no mellor para os cervenses.

Exit mobile version