Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo di que lle recorda ao PSOE que a Xunta bipartita paralizou a construción do pavillón do colexio de San Ciprián

Nota de prensa

O PSOE sufre un ataque de mala conciencia polos múltiples prexuízos causados á comunidade escolar de San Ciprián

O PP LEMBRA AOS SOCIALISTAS QUE FOI A XUNTA BIPARTITA QUEN RECORTOU Á METADE O PAVILLÓN DO COLEXIO DE SAN CIPRIÁN

* Os responsables actuais da Xunta de Galicia veñen a corrixir, coa licitación das obras de ampliación desta pista polideportiva cuberta, unha decisión inxusta, inxustificable e gravemente prexudical do anterior Goberno bipartito

* Os populares preguntan en que actuacións investiu a Xunta bipartita o orzamento sobrante tras recortar á metade a obra de construción do pavillón, pois non observan ningunha outra mellora.

Cervo, 16 de marzo de 2011 .- O Partido Popular de Cervo lembrou hoxe aos socialistas que foi a Xunta bipartita quen decidiu paralizar as obras de construción do pavillón do colexio de San Ciprián, recortar o proxecto inicial e construír só a metade do espazo previsto para esta pista polideportiva cuberta situada na zona de Galdín.

Os populares refrescan a memoria perdida dos socialistas que cando decidiron estes recortes non pensaron para nada nos intereses dos nenos escolarizados neste centro, todo o contrario, buscaban desmotivar aos pais e evitar que inscribiran alí aos seus fillos, “estratexia na que fracasaron absolutamente, pois foi sempre o que mantivo unha maior matrícula”. Desde o PP lémbraselles incluso que a devandita decisión de recorte do pavillón, que cualifican como “inxusta, inxustificable e gravemente lesiva”, deu lugar a unha protesta formal dos pais ante o Defensor do Pobo. Pregúntanse tamén en que actuacións investiu a Xunta bipartita o orzamento sobrante tras recortar á metade a obra de construción do pavillón, pois non observan ningunha outra mellora.

Desde o PP de Cervo non poden deixar de amosar a súa perplexidade porque sexa agora o PSOE -os que xunto ao BNG privaron a comunidade escolar dun pavillón máis amplo- os que critiquen á Xunta actual por solucionar esta problemática e facelo non só co simple anuncio do compromiso do Goberno galego de ampliar o actual pavillón senón coa licitación desta obra, que supera o medio millón de euros, e que aparece alí onde importa, no Diario Oficial de Galicia.

ATAQUE DE MALA CONCIENCIA

Os populares están convencidos de que os socialistas teñen un ataque de mala conciencia, polos moitos prexuízos causados aos escolares de Galdín e a todo San Ciprián e lembran que ademais do pavillón tamén os socialistas intentaron pechar o comedor escolar xestionado pola ANPA. Consideran no PP moi desacertado que o PSOE só reclame a urxencia das obras “cando sabe que o PP as va a executar” e lamentan que o PSOE “nin faga cando goberna, nin deixe facer cando están na oposición”

Finalmente os populares insisten que a mellor condena á actitude cínica do PSOE é a normalidade acadada no proceso de integración escolar e que fronte á división que propugnaban os socialistas en materia educativa, hoxe todos os nenos e nenas de San Ciprián están nun mesmo colexio, aprenden unidos e conviven felices, disfrutando dunhas instalacións de gran calidade que serán ademais melloradas grazas á ampliación do pavillón cando remate a temporada escolar.

Exit mobile version