Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente do Consorcio de Bombeiros supervisou o parque de Barreiros que será operativo en maio

Nota de prensa

Gómez Besteiro supervisa o parque de bombeiros de Barreiros ante a súa posta en marcha o 1 de maio

– O Presidente salientou que “cando chegamos á Deputación atopámonos cun recinto sen auga, sen luz, sen equipamento e inaccesible pola maleza. Por iso, un dos nosos compromisos foi a posta a punto destas instalacións, así como a creación dunha rede provincial de bombeiros”

– Malia que o organismo provincial tivo que esperar durante meses a licenza de obras do Concello, logrou que o de Barreiros fose o 1º parque en estar totalmente equipado. Agora, espera o permiso de apertura do Goberno local

– Estas instalacións son as únicas que pertencen ó Consorcio tras a súa cesión por parte da Deputación. As de Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada seguen en posesión da Xunta sendo ó único trámite pendente

O Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este xoves as instalacións do parque de bombeiros de Barreiros ante a súa vindeira posta en marcha o 1 de maio. Trátase dunha infraestrutura construída en 2004 pero que nunca chegou a abrir as súas portas debido á paralización dos traballos por parte do anterior goberno provincial. As actuacións levadas a cabo pola Deputación e posteriormente, a creación do Consorcio Provincial de Bombeiros impulsada polo organismo provincial e anterior Xunta, fixo que a día de hoxe, estas instalacións estén listas para o seu arranque á espera da licenza de apertura por parte do Concello.

Gómez Besteiro lembrou que “cando chegamos á Deputación atopámonos cun recinto sen auga, sen luz, sen equipamento e totalmente inaccesible pola maleza. Por iso, un dos nosos compromisos foi a posta a punto destas instalacións, así como a creación dunha rede provincial de bombeiros que rematase coa discriminación que sufría Lugo, a única provincia galega que non contaba cun servizo contraincendios. Grazas ó anterior Presidente da Xunta, que puxo en marcha connosco o Consorcio Provincial de Bombeiros, e o actual Goberno galego, que soubo proseguir co proxecto, en pouco máis dun mes as instalacións de Barreiros, xunto ás de Viveiro e Vilalba darán cobertura ó 100% da zona norte da provincia”.

O titular provincial fixo estas declaracións acompañado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, os Alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente; Foz, José María García; Ribadeo, Fernando Suárez; A Pontenova, Daría Campos; Viveiro, Melchor Roel; Mondoñedo, Orlando González; Burela, Alfredo Llano; Lourenzá, Vidal Martínez; así como a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias e o Director Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Santiago Villanueva.

Actuacións realizadas

Mentres esta Deputación esperou durante meses a licenza de obras por parte do Concello de Barreiros, levou a cabo os traballos de remozado e pintura das paredes do inmoble, así como outros labores de pequena envergadura. Unha vez que o Goberno local accedeu á concesión dos permisos necesarios, o organismo provincial puido executar as obras de abastecemento de auga, subministro eléctrico, ademais das de acceso e peche da parcela.

Con estas actuacións, xunto á adquisición dos vehículos e o equipamento interno, -actuacións competencia do organismo provincial xa que á Xunta correspóndelle a construción dos parques-, a Deputación logrou que o parque de Barreiros fose o primeiro en estar totalmente equipado. Isto supuxo un investimento de máis de 1,3 millóns de euros, dos cales preto de 500.000 euros foron aportados exclusivamente pola institución provincial, e o restante polo Consorcio é dicir, 50% Deputación e 50% Xunta.

Deste xeito, logo da cesión da Deputación ó Consorcio dos vehículos adquiridos, no seu interior xa se atopan 1 camión bomba de altura, 1 camión nodriza, 1 camión BUL, e 1 vehículo de mando. Asimesmo, o parque de Barreiros era o único que estaba en posesión da Deputación e agora, tamén é o único que pertence ó Consorcio, xa que o organismo provincial cedeu estas instalacións ó órgano integrado pola Xunta e a institución lucense. Nembargantes, os parques de Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada seguen en mans do Goberno galego. Neste senso, Besteiro reclamou á Xunta celeridade nos seu trámites, xa que esta é a única cuestión que queda por pechar para garantir a posta en marcha da rede provincial de bombeiros o 1 de maio.

22 novos empregos

A posta en marcha do parque de Barreiros supón ademais a incorporación laboral de 22 persoas que o vindeiro 26 de abril rematarán o proceso de 400 horas de formación estando preparados para comezar a súa actividade. Co obxectivo de reforzar a cobertura contraincendios, o Consorcio incrementou en 2, no caso de Barreiros, o número de postos de emprego con respecto á previsión inicial.

Estas instalacións, xunto ás de Viveiro e Vilalba, dará cobertura ós seguintes Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove.

O ámbito territorial adscrito terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo para toda a provincia incluirá: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.

Exit mobile version