Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE lamenta que os veciños de Xove sexan dos poucos mariñanos que se quedan sen e-administración

Nota de prensa

O PSOE de Xove lamenta que os seus veciños sexan dos poucos mariñanos que se quedan sen e-administración

– Logo de ver como o resto dos Concellos reciben o equipamento do plan Innova-TE, os socialistas sinalan que “os únicos perxudicados son os veciños de Xove, que terán que conformarse cun servizo precario”

Os socialistas de Xove lamentan ver como os concellos da Mariña comezan a recibir pouco a pouco da man da Deputación de Lugo o equipamento informático que lles corresponde por adherirse ó plan Innova-TE e que lles permitirá culminar a implantación da administración electrónica, mentras que os veciños de Xove non terán as mesmas oportunidades. Os últimos en facelo foron Cervo e Burela. Esta xoves a Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, fixo entrega do material a cada concello. Deste xeito, Cervo recibiu 2 ordenadores de sobremesa, 2 portátiles, unha impresora e unha pantalla multimedia de información e Burela, pola súa banda, recolleu 2 portátiles e unha pantalla multimedia de información.

Dende a Agrupación Socialista de Xove aseguran que “non entendemos como o alcalde, José Demetrio Salgueiro, nos tempos que corren, foi capaz de deixar escapar unha oportunidade destas características, que lle aforraría tempo e diñeiro. Está privando ós seus veciños de ter as mesmas posibilidades tecnolóxicas que outros mariñanos, polo que é unha discriminación absoluta. O noso alcalde demostrou unha vez máis que o que menos lle importa son os intereses dos cidadáns”.

O PSOE de Xove sinala que “o nivel de implantación da administración electrónica no Concello está por detrás do que estaría se continuase no programa Innova-TE. Dende que o señor alcalde renunciou a continuar con este proxecto, renunciou ó plan de formación personalizado e in situ ós traballadores municipais para implantar a Administración Electrónica; ó proceso para activar 79 trámites vía Internet; á creación dunha Intranet corporativa, con diversas ferramentas; á dotación de equipo tecnolóxico (a Xove correspondíanlle 2 ordenadores portátiles, 1 servidor e 1 pantalla multimedia de información); e á instalación de banda longa no consistorio, que no caso de Xove estaba previsto ofrecer por liña ADSL e daría unha velocidade de 8 megas”. Neste senso, os socialistas lembraron que “os únicos perxudicados son os veciños de Xove, que terán que conformarse cun servizo precario, que non lles facilita rematar ningún tramite on-line dende os seus domicilios. Un sistema do que sí poderán disfrutar os veciños da Mariña que grazas ós seus alcaldes se sumaron ó programa da Deputación ”.

Exit mobile version