Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable de Cultura da Deputación presentou na Mariña os circuítos de Buxiganga

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA PRESENTOU A NOVA FASE DE CIRCUÍTOS DE BUXIGANGA NA MARIÑA, DE ONDE PROCEDEN 7 DOS GRUPOS PARTICIPANTES

Un total de 12 concellos mariñaos darán acollida ás 29 actuacións que se realizan na comarca

O proxecto presentarase tamén nas rúas de Ribadeo, cun acto o vindeiro 2 de abril no que participarán os 7 grupos da Mariña que forman parte de Buxiganga

CERVO, 23 de marzo de 2011. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo presentou esta tarde no Museo do Mar de San Cibrao (Cervo) a nova fase de circuítos de Buxiganga acompañado por Paloma Lugilde, como representante do grupo de teatro do Consello da Cultura da Deputación (órgano asesor e consultivo en materias culturais). Ao acto tamén asistiu o actor Paco Piñeiro, que realizou unha pequena representación no transcurso do acto, mailo seu grupo de teatro O Bordelo, que tamén representou un fragmento dunha obra ao remate do mesmo. Ademais, estiveron no Museo do Mar representantes das outras agrupacións teatrais da Mariña que participan. Antonio Veiga anunciou que tamén se realizará unha presentación de Buxiganga nas rúas de Ribadeo, o vindeiro sábado día 2 de abril ás 21:00 horas, e nela participarán os 7 grupos da comarca da Mariña que forman parte do programa Buxiganga.

Buxiganga ten o obxectivo de potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego do galego e cumprir unha importante función de cohesión e integración social. Na presentación desta tarde, Antonio Veiga, fixo unha valoración moi positiva do funcionamento de pasadas edicións de Buxiganga na Mariña, de onde proceden os grupos participantes A Adala (Foz), Ardora (San Cibrao), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), O Bordelo (Cervo), Batán (Foz), TeatroCrea (Viveiro), e Raiolas (Alfoz). “É probablemente a comarca onde mellor funciona Buxiganga, as actuacións están sempre cheas de xente, especialmente na zona de Foz e Burela”, afirmou. Explicou ademais que o programa é un dos que máis satisfaccións dá en xeral á Área de Cultura da Deputación, xa que “non só posibilita aos grupos de teatro realizar actuacións con grande éxito entre o público, senón que tamén fomenta a aparición de novas agrupacións teatrais”. Este ano 6 grupos se unen aos circuítos: Alentía (Palas de Rei), Casamanita de cartón (Lugo), Faro Miño (Chantada), Os Baluros (Castro de Rei), Parápono (Lugo) e Rebuldeira (Sarria).

Antonio Veiga afirmou que “un total de 12 concellos mariñaos darán acollida ás 29 actuacións que se realizan na comarca, onde hai unha afección moi grande, que enche practicamente todas as actuacións de público” e fixo fincapé en que “a pesar de que a situación económica actual non é a mellor, a Área de Cultura apostou por manter o compromiso cos grupos de teatro e tamén cos concellos, aos que co programa Buxiganga se lles axuda a programar a súa oferta cultural polo simbólico prezo de 25 euros por actuación: o mesmo que o ano pasado”. Destacou a satisfacción da Área de Cultura “en canto á parte formativa do proxecto, xa que é moi interesante para os actores e actrices e axuda a mellorar os recursos”.

Pola súa banda, Paloma Lugilde agradeceu á Área de Cultura a posta en marcha desta iniciativa, xa que “ata o de agora non era nada frecuente atopar un interese así polo teatro, por parte das institucións”. Lugilde explicou que “o programa realizarase en 2 quendas, a primeira do 2 de abril ao 10 de xullo, e a segunda do 3 de setembro ao 20 de novembro, os sábados e os domingos”. Afirmou que “o bo traballo que se fai dende Buxiganga está a producir os seus efectos e reflectindo como o teatro afeccionado, de base, é o xermolo para poder nun futuro edificar unha industria cultural teatral na provincia”.

No centro da provincia de Lugo hai 9 grupos: Achádego (Lugo), Os Baluros (Castro de Rei), Rabela (Baralla), Casamanita de cartón (Lugo), Hipócrita (Lugo), Nova Escena (Lugo), Parápono (Lugo), Pinchacarneiro, que pretende a inserción das persoas con discapacidade ou enfermidade mental (Lugo), Zampalladas (A Pastoriza). No norte de Lugo participan 7 grupos: A Adala (Foz), Ardora (San Cibrao), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), O Bordelo (Cervo), Batán (Foz), Teatro Crea (Viveiro), e Raiolas (Alfoz). No Sur están os grupos Metátese e Alentía (Palas de Rei), o grupo da Biblioteca de Antas de Ulla (Antas de Ulla), Falcatrueiros (Monterroso), Faro Miño (Chantada), e Rebuldeira (Sarria).

Con este programa todos os grupos lucenses de teatro teñen a posibilidade de aumentar o número de representacións das súas montaxes teatrais. A Área de Cultura conta ademais cun bolseiro que presta a súa colaboración nas tarefas de organización e programación das representacións, así como outras liñas de traballo que se engloban dentro de Buxiganga como é a investigación e publicación, recuperación da historia teatral de Lugo, proporcionar recursos para os grupos e manter a interrelación entre grupos de teatro para que poidan intercambiar experiencias.

GRUPOS DE TEATRO DA MARIÑA EN BUXIGANGA

A ADALA (FOZ)

Breve historia do grupo

O grupo teatral “A Adala” nace en Fazouro (Foz) no ano 1999 como resposta as inquedanzas culturais dun grupo de persoas da localidade e contando como lugar de ensaio cun local compartido coas diferentes asociacións da parroquia.

Os obxectivos que se marca o grupo nun primeiro momento son tres: achegar o teatro afeccionado á zona de “A Mariña”, formar un grupo teatral consolidado, e tratar a través das obras teatrais temas de actualidade e de ampla repercusión co fin de sensibilizar sobre comportamentos antisociais, desacertados e irracionais. O grupo confórmano un grupo de actores que oscila entre 9-15 persoas e conta con Francisco Piñeiro González como escritor e director das obras.

As obras que conforman a traxectoria artística do grupo (2000-2011) son: Andar a comenencia, Non San Campio, Ferro e Fariña, Borrando Sombras, A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos, A caída do Imperio, Escoitando as cores, Fobias con amor, Mazás de cuco e Ilusións.

Sinopse de Borrando sombras

Comedia nun só acto na que o autor nos pretende levar a afundirnos no teatro cómico-filosófico cunha provocativa combinación entre risa e pensamento. Obra de profunda raigame galega na que afloran as sombras que os nosos feitos debuxaron ó longo das nosas vidas a través de personaxes tipicamente galegos que todos somos capaces de identificar (o cura, a criada, etc.).

Por moito que os avances e o progreso se empeñen en borrar estas sombras da nosa vista, sempre quedará dentro de nós algo do que puido ser pero non foi. A obrigada introspección nos momentos trascendentais fainos reflexionar para decatarnos de que os sentimentos superan ós valores materiais que nos cegaron para conseguilos.

Reflexo da retranca galega, de complicadas relacións familiares que se debaten entre o que é e o que debería ser e de problemas cos que facilmente identificamos a nosa cultura galega, con xiros inesperados que dotan a obra dun final con capacidade para sorprender e facer pensar nas voltas que pode chegar a dar a vida, chegando a dar xustiza ante situacións que se daban por perdidas.

ARDORA (SAN CIBRAO)

Breve historia do grupo

Os experimentados mariñeiros de San Cibrao aproveitaban a fosforescencia natural que na noite desprende un grupo de peixes para poder pescalos. A ese brillo chámanlle ardora. É un brillo colectivo no que todos os peixes contan pero ningún é imprescindible. Ardora teatro nace pola ilusión dun grupo de mulleres que co seu esforzo e capacidade querían formar un grupo de teatro que non sexa flor dun día, senón que prenda como unha alternativa de expresión cultural máis dun pobo con profunda tradición creativa.

O día 6 de maio de 2007 facía a súa presentación ante o público de San Cibrao coa peza A criada xorda. Acadou éxitos notables en varias localidades do concello e fóra del. No ano 2008 despois de varios meses de ensaio estrea o 14 de xuño a súa segunda peza titulada: Desde O Porto a San Ciprián, que representaron nos concellos de Foz, Viveiro, Xove e nas VIII Veladas de teatro no Souto de Cervo.

No ano 2009 preparou Estigmas para ser estreada en xullo con motivo da celebración das festas patronais de San Cibrao. No ano 2010 polas mesmas fechas e co mesmo motivo representan a obra Residencial Paradiso. En proxecto para o ano 2011 está o estreo dunha nova peza.

Todas as obras son orixinais de Francisco Piñeiro e dirixidas por María Paz Rodríguez Silva, monitora teatral con máis de dezasete anos de experiencia, nos que dirixiu múltiples talleres escénicos en colexios, asociacións culturais, etc. O seu traballo como actriz está avalado por máis de catrocentas representacións nas que lle deu vida ás personaxes máis destacadas de todas as obras do grupo de teatro O Bordelo de Cervo no que tamén realiza o traballo de xestión, administración e codirección. Ademais é coautora de diversos traballos etnográficos publicados en revistas da Mariña lucense.

Sinopse de Residencial Paradiso

Obra cómico-filosófica enfocada cara o mundo da soidade interior vivida hoxe en día pola maioría dos nosos anciáns incapaces de comprenderen a incongruencia de que se lle chame mundo avanzado a aquel no que se reclúe os proxenitores.

Na dicotomía entre amor filial e amor de parella, as protagonistas avivan o seu pensamento na procura dunha alternativa ás residencias ou asilos ata decatarse de que os vellos tamén se poden namorar como terapia imprescindible para seren autosuficientes.

AXÓUXERES (FOZ)

Breve historia do grupo

Aínda que hai constancia de representacións anteriores, é ao redor de 1968 cando se consolida o grupo de teatro de Vilaronte, ao xurdiren os “teleclubs” nas aldeas para reunir os veciños. Dirixido polo antigo párroco, D. Victoriano López Felpeto, o grupo representa obras como Barriga Verde, Don Armando Gresca, Na casa do Ciruxano, Melocotón en almíbar e máis adiante, A carreira do Manuel, A xusticia dun muiñeiro e moitas outras. Na actualidade diríxea Benito García Bolaño.

Sinopse Farsa a escocesa e matrimonio do século XXI

Forma parte de dúas obras con diferentes argumentos, que xuntaron e adaptaron os personaxes xa que eran moi curtas por separado. Xulián recibe unha carta de seu tío de Escocia, un empresario adiñeirado que quere montar unha empresa aquí e estalle propoñendo ser o presidente da nova empresa.O problema é que Beatriz, a súa dona, escribíalle a cotío a seu tío, dándolle a entender que eles tamén eran moi ricos, e en realidade non teñen un patacón. Por outra banda, Sabela anuncia a súa voda con Manuel, o mozo máis rico da bisbarra. Beatriz e Xulián deciden montar unha farsa por uns días, pedindo prestada unha casa e facéndose cun mordomo moi particular. Sabela casa, nunha cerimonia chea de interrupcións e altercados.

BATÁN (FOZ)

Breve historia do grupo

Este grupo de teatro nace na parroquia de Cangas do concello de Foz en febreiro do 2009 da man dun grupo de amigos no que os soños individuais de cada un se poñen en común para facer realidade ese soño colectivo chamado “teatro”. Despois de varias xuntanzas entre os compoñentes e unha vez tomada a decisión de formar o grupo foi cando se puxeron en contacto co mestre do teatro na Mariña, Francisco Piñeiro para que fixera una serie de probas e dera a súa opinión sobre o proxecto. Durante varios días de trabalo cos membros do grupo, de maneira totalmente desinteresada, foi cando tomou a decisión de que coa súa axuda como director e a ilusión dos membros sairía adiante.

Deste xeito, observando a maneira de ser de cada un dos compoñentes do grupo, Piñeiro adaptou unha das súas obras (A caída do imperio) e comezaron a ensaiar para facer a estrea no mes de xullo: aos cinco meses xa estaban nun escenario. A estrea fíxose diante do seu público en Cangas de Foz, na que a xente quedou moi sorprendida do seu bo traballo realizado en tan pouco tempo. No verán do 2009 participaron na Semana de Teatro do Concello de Foz, e fixeron actuacións en Burela e na parroquia de Vilaronte. A partir dese momento e durante todo ano 2010 foi cando de verdade o grupo de teatro fai o seu despegue definitivo no mundo do teatro afeccionado facendo durante este ano máis dunha ducia de actuacións. A experiencia máis importante durante o ano 2010 foi a participación por primeira vez no proxecto Buxiganga. Ese ano fixeron seis actuacións dentro deste proxecto por distintos concello da provincia de Lugo.

Sinopse de Apariencias

Aparencias, é unha comedia na que o seu autor trata de reflectir de distintas maneiras a forma que as persoas temos de ver o mundo. Enfróntanse os sentimentos e o materialismo cada vez máis acentuado no mundo de hoxe no que só interesa aparentar sen importar a forma nin o xeito de facelo. A miúdo hai que soñar con aires de grandeza, e na realidade, remata todo coma as follas do outono, facendo ruído por onde as quere levar o vento desta sociedade acelerada. Se un ollo ve a aparencia e outro a realidade, convén facerlles coincidir e axustarse ás posibilidades, porque non sempre somos o que queremos, senón o que podemos.

O BORDELO (CERVO)

Breve historia do grupo

Cando un carro non podía saír dun atranco, o reforzo que se lle poñía diante para axudar a tirar del era o bordelo. No ano 1998, despois de varias experiencias teatrais no Auditorio de Sargadelos, créase o colectivo cervense de forma estable, integrado na Asociación Cultural Airiños do Xunco, para abordelar o carro do teatro afeccionado na Mariña. Dende aquela pasaron trece anos, máis de 500 actuacións espalladas por toda Galiza e polo occidente asturiano, nas que colaboraron un total de vinte e catro actores, representando un teatro esencialmente popular en clave de humor, enraizado na Mariña lucense, defendendo a idiosincrasia particular dos pobos e das súas culturas e buscando solucións aos problemas de actualidade, sempre baixo o prisma da retranca e do humor porque, segundo a súa filosofía, baixo a apariencia de broma pódense dicir as verdades máis serias. Representou obras como Andar á comenencia, Na encrucillada, Cambadelas (3º Premio Laxeteatro), Relax- Total, Plática –sisual , Trébedes sen lume (4º Premio Daniel Cortezón), ou Katharsis (3º Premio Daniel Cortezón) e outras moitas dirixidas e escritas por Paco Piñeiro.

Tamén colaborou nos proxectos de teatro histórico: Catalina de Santiso e A cova da serpe e os seus actores colaboran con monólogos, “sketch”, etc. en múltiples actos de dinamización cultural. Dende hai dez anos, O Bordelo, organiza as Veladas de Teatro no Souto (catro días de teatro ó aire libre a primeira semana de agosto) e dende hai tres anos promove a creatividade na Mariña, realizando EXPRESS-arte .

Sinopse Quintana dos vivos, anguria dos orfos

Sátira cómico-realista da situación de orfandade que padecen os nosos eidos e o noso agro. Non pretende polemizar nin atopar solucións milagreiras, tan só busca a reflexión e unión de esforzos de todas as administracións para que, dunha vez por todas, o noso agro acade a dignidade que precisa para florecer na “quintana” dos vivos.

RAIOLAS (ALFOZ)

Breve historia do grupo

Naceron como grupo teatral no Mercado Medieval de Alfoz do ano 2001. Sete persoas representaron a obra A sensación de Camelot, de Manuel Lourenzo, unha obra de temática medieval moi apropiada para o Mercado. Ao ano seguinte naceu o desexo de continuar interpretando teatro e formalizaron legalmente a constitución do grupo. Dende ese momento foron moitos os novos actores que foron pasando por “Raiolas”, até un total de, aproximadamente, corenta, de todas as idades. Representaron un total de 10 obras teatrais, algunhas de autoría do propio grupo e outras doutros autores. Colaboraron na organización do Mes do Teatro de Alfoz en varias ocasións, por setembro e outubro, en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Alfoz, así como no Mercado Medieval de Alfoz todos os anos con funcións de monicreques. Tamén participaron noutros festivais teatrais da Mariña lucense, onde existen varios grupos teatrais cos que manteñen estreitas relacións de amizade e colaboración, programando con eles diversos intercambios de actuacións. Actuaron en multitude de concellos e parroquias da provincia de Lugo, e incluso fóra dela nalgunha ocasión: Barres (Asturias).

Sinopse de Non volvas Salustio, non volvas

Salustio é un home normal, coa súa familia e a súa vida normal. Un día morre e resucita (en realidade non morreu de verdade) e descobre que a vida feliz que cría levar era en realidade un engano. A súa esposa Torcuata aborrecíao e estaba con el só porque tiña un tesouro agochado, un torques de ouro, e quería facerse con el; tal é o desprezo da súa muller cara a el, que lle pide a Salustio que volva para a sepultura e que a deixe tranquila. A súa filla Ana Patricia ódiao tamén. Salustio descobre a carencia de sentido da vida e deprímese, pero rebélase contra o destino e volve buscar a felicidade na compaña de Catalina, outra defunta “resucitada” que coñece no cemiterio.

Toda a acción ocorre nun cemiterio, no que se dan cita diversos personaxes que representan as diversas actitudes ante a vida e a morte: un borracho, un covarde, un sepultureiro macabro, unha muller que non acepta a morte do seu home… É unha reflexión en ton cómico sobre a vida e a morte e a proximidade, case intimidade, existente entre ambas as dúas.

TEATROCREA (VIVEIRO)

Breve historia do grupo

TEATROCREA é unha compañía de nova creación enmarcada dentro dun proxecto artístico-social da Asociación Cultural Centro de Creacións Artísticas en Viveiro. Comenza a súa andaina no ano 2010 coa obra Retratos dentro dos circuítos de Buxiganga da Deputación de Lugo. A persoa que dirixe o proxecto é Carolina Fernández ( 1978) artista visual e escénica.

Sinopse de Encaixes da vida

Ao apalpar a proximidade da morte, volves os ollos cara ao teu interior e non atopas máis que banalidade, porque os vivos, comparados cos mortos, resultamos insoportablemente banais. Os actores e actrices escribirán en escena o seu propio retrato e teatro, así como as súas reflexións sobre a vida e a morte.

Exit mobile version