Nota de prensa:
O DVD CO QUE O AZKAR LUGO FS PROMOVE A FORMACIÓN EN VALORES A TRAVÉS DO DEPORTE PRESENTOUSE EN MONDOÑEDO
A Área de Deportes colaborou coa Fundación Azkar neste proxecto que, baixo a dirección da Fundación deste club, gravou e realizou Telelugo
Desde un primeiro momento, a Área de Deporte apoiou esta iniciativa da Fundación Azkar Lugo porque fai chegar aos rapaces e rapazas, a través do DVD, exemplos e testemuñas de deportistas que coñecen, poñendo de manifesto a importancia de fomentar o deporte como un aspecto fundamental do desenvolvemento integral da personalidade. Antonio Veiga afirmou que “esta iniciativa parte tamén coa idea de subliñar a idea de que o deporte debe estar ao servizo do desenvolvemento da persoa, xa que moitas veces semella, sobre todo nos ámbitos profesionais, que a persoa é a que está ao servizo do deporte, e non debe ser así”.
A Área de Deportes da Deputación apoiou á Fundación Azkar para levar a cabo este proxecto, ao igual que Telelugo, quen se encargou totalmente da realización do DVD que dura uns 11 minutos. O DVD pretende forzar un debate crítico e construtivo nos clubs, nos deportistas e nos rapaces e rapazas lucenses sobre o conxunto de comportamentos, valores e actitudes axeitados que se deben aplicar no mundo do deporte, e se hoxe en día se están a aplicar no deporte lucense. As copias do DVS foron distribuídas por todos os centros de ensino, clubs e concellos lucense coa idea de chegar, sobre todo, a un grupo de idade entre os 9 e 14 anos, para espallar esta idea da formación en valores a través do deporte que se defendeu sempre desde a Fundación Azkar Lugo e a escola Terra.