Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo e Viveiro copan esta semana as rutas de Km0

Nota de prensa

A Mariña copa esta semana as rutas de Km0

– Asociacións e colexios percorrerán os lugares de interese paisaxístico e monumental dos concellos de Ribadeo e Viveiro

– O colectivo de amas de casa de Guitiriz e o de veciños “Ajuilouca” de Sarria deron hoxe un paseo en lancha pola ría ribadense e visitaron o casco histórico da vila

Os municipios mariñanos de Ribadeo e Viveiro copan as rutas desta semana do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo, que coa súa actividade contribúe a dinamizar a actividade económica local ó atraer visitantes en temporada considerada baixa.

Por mor das festas de Entroido, para esta segunda semana de marzo soamente están programadas rutas hoxe e mañá. O Concello ribadense foi o destino das saídas da xornada de hoxe, que fixeron 55 integrantes da Asociación de Amas de Casa de Guitiriz e outros 55 do colectivo veciñal “Ajuilouca” da parroquia sarriana de Goián. Ámbolos dous grupos foron recibidos no salón de actos do Pazo de San Marcos pola Deputada de Economía, Regina Polín. O primeiro visitou despois o Centro de Interpretación Terras do Miño e viaxou a Ribadeo, onde comeu no restaurante “Marinero”, e o segundo coñeceu as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) e desprazouse despois á vila mariñana para comer en “O Cabazo”. A xornada continuou para os dous colectivos cun paseo en lancha polo peirao deportivo de Porcillán e cun percorrido polo casco histórico e o convento de As Clarisas.

Mañá xoves, 24 alumnos do CEIP de San Clodio, en Ribas de Sil, e outros 55 do colexio Casás da capital lucense redescubrirán Viveiro. Os rapaces de San Clodio achegaranse ó Centro de Interpretación do Río Rato e, xa no municipio vivariense, visitarán o eucaliptal de Chavín, o Monte de San Roque, o Convento de Valdeflores e o obradoiro de cerámica de Regal. A comida terá lugar no restaurante “Val do Naseiro”. En canto ós estudantes de Lugo, desprazaranse á Fundación TIC e, tras comer no “Louzao”, en Viveiro, estarán na lonxa de Celeiro, na praia de Covas e no monte San Roque.

Exit mobile version