Site icon Crónica3.com A Mariña

Trabada e Barreiros rexeitaron os laurentinos do Lugo Emprega que irán a Foz, Mondoñedo e Riotorto

Nota de prensa

A Deputación redistribúe ós seleccionados do Lugo Emprega de Lourenzá pese ó Alcalde e ós Concellos limítrofes do PP

– As 7 persoas, que legalmente superaron o proceso selectivo, traballarán en Foz, Mondoñedo e Riotorto, logo de que Barreiros e Trabada rexeitasen a súa admisión

– A Xunta de Goberno aprobará este venres dito reparto para que os sete seleccionados estén a pleno rendemento a vindeira semana

– O organismo provincial tomou este acordo unha vez concluído o prazo concedido ó Alcalde para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós operarios seleccionados

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Pazo de San Marcos, ós 7 traballadores de Lourenzá que superaron o proceso selectivo do programa Lugo Emprega, co que a institución luguesa reduciu o paro na provincia, creando 711 novos empregos. Gómez Besteiro, xunto co xefe de Persoal e técnicos de Recursos Humanos, explicoulles ós beneficiarios os lugares de destino nos que a vindeira semana comezarán a traballar realizando tarefas de mantemento e mellora de servizos municipais.

A Deputación tomou o acordo de reorientar os beneficiarios ós Concellos limítrofes, unha vez concluído o prazo de 48 horas concedido polo organismo provincial ó Alcalde para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós operarios seleccionados. Neste senso, Gómez Besteiro, subliñou que “o traballo que fagan vai a redundar noutros Concellos. Ó final cando un Alcalde provoca que os seus veciños se sintan discriminados, isto é difícil de entender. Nós sabemos cal é nosa responsabilidade adoptada pola Comisión de Goberno, que non o Presidente, para distribuílos a outros municipios colindantes, porque o lóxico é que traballen nos lugares que lles quedan máis cerca. Por tanto, esto pasa de ser noticia a ser un feito ordinario que redundarán no beneficio dos Concellos limítrofes”.

Aceptaron todos menos os do PP

O pasado venres, logo de que a Xunta de Goberno aprobase a rescisión do convenio de adhesión ó programa e a proposta para contratación dos 7 traballadores, enviou un escrito ós municipios de Barreiros, Trabada, Foz, Mondoñedo e Riotorto para que no prazo de dous días comunicasen a súa decisión sobre a posible aceptación dos beneficiarios. Destes, todos confirmaron a súa admisión, agás os dous Concellos gobernados polo Partido Popular, Trabada e Barreiros, quenes rexeitaron a oferta da Deputación, producíndose unha situación totalmente única e de absoluta discriminación con estas persoas que, legalmente, conseguiron un traballo grazas á iniciativa do organismo provincial, á que se sumaron todos os Concellos menos o de Incio a pesar de que o Presidente provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, ordease ós seus Deputados votar en contra do Programa no Pleno provincial de decembro.

Tendo en conta esta situación, a distribución, para a que se seguiron os mesmos criterios que foron empregados para a elaboración do Plan -proporcionalidade e o número de habitantes- queda do seguinte xeito: 4 para Foz, 2 Mondoñedo e 1 en Riotorto. A Xunta de Goberno aprobará este venres disto reparto para que os sete seleccionados estén a pleno rendemento no menor tempo posible.

Máis de 76.000 euros para a contratación

A xestión levada a cabo polo actual equipo de goberno permitiu que a Deputación puidese financiar con fondos propios esta iniciativa dotada con 8 millóns de euros, e en incrementar a débeda pública. En total, o organismo provincial, destina á contratación dos beneficiarios de Lourenzá 76.162 euros.

O programa ten un custe 0 para as entidades locais, de tal xeito que estas só teñen que aportar a roupa e o material; o que contribúe a aumentar a cooperación municipal e lles axuda a incrementar a prestación de servizos ós seus veciños. Nos 66 municipios, agás o de Incio que dende un principio renunciou á adhesión do Plan, rexistráronse 6.700 solicitudes, das que 2.407 corresponden ós Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de 500 parados e, o resto, ás entidades locais que superan esta cifra.

Exit mobile version